Amosando publicacións coa etiqueta educación infantil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta educación infantil. Amosar todas as publicacións

23/05/2026

O LOBO FELIZ

O 22 de maio visitounos Miguel Guido co seu contacontos "O Lobo Feliz", baseado no libro do mesmo título escrito por Miguel. 

Esta actividade estivo dirixida ao alumnado de infantil e 1º e 2º de primaria e centrouse na narración oral do conto, acompañándoa de cancións e xestos. 







Foi moi divertido e ata houbo algún e algunha que se atreveu a ouvear como un verdadeiro lobiño.

Miguel agasallounos cun exemplar do seu libro, que contén un código QR para escoitar a canción, e unha fermosa dedicatoria. En breve estará dispoñible na biblioteca dos tesouros.







19/12/2025

CONTACONTOS DE NADAL 2025

Os nenos e nenas de 5º de primaria prepararon unhas lecturas para celebrar a chegada do Nadal. Repartíronse en grupos de cinco, grupos comandados polos axudantes da biblioteca deste 1º trimestre, que xa rematan o seu traballo na biblioteca. 

As lecturas foron para os cursos de infantil e 1º e 2º de primaria e, nalgúns casos, incluíron actividades posteriores preparadas polo propio alumnado. 


Grazas maiores por compartir tempo cos máis peques do cole!



22/11/2025

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025: MOITOS RETOS E UN EXPERIMENTO

Na segunda quincena de novembro temos varias propostas para conmemorar o Mes da Ciencia en Galego

  • Retos diarios na biblio para os nenos e nenas de 2º a 6º de primaria
  • Retos semanais para resolver na clase para os nenos e nenas de infantil e 1º de primaria
  • Gran reto no que poderán participar todos os nenos e nenas do cole... e os adultos que queiran tamén!
  • Experimentos compartidos: o alumnado de 1º e 2º de primaria compartirá co resto do alumnado un experimento que están a preparar na clase. 
Retos diarios

Retos de 2º e 3º

Retos de 4º

Retos de 5º e 6º

A Pescadora cos retos de infantil e 1º 

Nenas de 4º resolvendo retos :-)

Gran reto: Cantos peóns haberá no museo?

Aínda estás a tempo!


14/11/2025

CORRE, CORRE CABACIÑA

O alumnado de 4º de primaria estivo preparando unha obra de teatro baseada no conto "Corre, corre cabaciña" escrito por Eva Mejuto e ilustrado por André Letria.

Despois de moitos ensaios, preparación do decorado, vestiario e maquillaxe, os nenos e nenas de educación infantil puideron desfrutar da obra no salón de actos do colexio. 

Fixérono xenial e pasamos un rato moi divertido!







02/06/2025

APADRIÑAMENTOS LECTORES MAIO 2025

A finais de maio organizamos un novo encontro dos padriños e madriñas lectores cos seus afillados e afilladas. 

As lecturas foron ao aire libre aproveitando o bo tempo e todos e todas recibiron un pequeno agasallo. 

Os peques de infantil unha chapa da Pescadora de Historias, unha pegatina e unha ra saltarina, os maiores de primaria un debuxo realizado polos seus afillados e afilladas. 

Ademais os nenos e nenas de 5 anos xunto co alumnado de 6º EP recibiron un diploma como recordo de esta actividade que remata para eles. 

Grazas por compartir lecturas e crear un bonito vínculo durante este curso :-)









10/05/2025

VISITA DE ESTEFANÍA PADULLÉS

O día 6 de maio tivemos a visita de Estefanía Padullés, ilustradora e escritora, que veu para presentarnos os seus álbums ilustrados "Leopoldo, o pequeno monstro" e "A machas ou a raias?"

   

Ambos libros están na biblioteca dos tesouros, xunto con moitos outros ilustrados e/ou escritos por Estefanía. 


Neste encontro partiparon todos os nenos e nenas de educación infantil e, nunha segunda quenda, o alumnado de 1º e 2º de primaria. 
Estefanía foi contando as historias á vez que ía debuxando aos personaxes, convidándonos a reflexionar sobre as diferenzas, a autoestima, as diferentes capacidades e o respecto polos outros.


 




Unha visita moi especial e diferente :-)

Esperamos contar de novo contigo na biblioteca cos tesouros!










05/05/2025

O PREGUNTÓN 2025

Polo Día do Libro estamos a celebrar o Preguntón, un xogo de pistas con preguntas sobre a biblioteca e o Museo do Xogo Popular

Con esta dinámica traballamos aspectos como as seccións da biblioteca, os tellos ou etiquetas, os tipos de lectores e, tamén, damos visibilidade aos xogos do museo así como aos carteis informativos. 

Este ano, ademais, aproveitamos a exposición de libros favoritos "Os 40 principais" para buscar alí información, como títulos de libros ou autores e autoras. 

Outro aspecto importante é o desenvolvemento da actividade, en pequeno grupo, fomentando o traballo en equipo, a organización do mesmo así como a competencia lectora e a pescuda de información. Pero non rematamos aí, senón que a actividade final e en gran grupo, polo que é imprescindible esperar a que todos os nenos e nenas rematen. Deste xeito respectamos os ritmos individuais e damos valor ao concepto de equipo, xa que todos e todas son necesarios para atopar o premio final.

Deixamos unha pequena mostra de fotos, e un video co desenvolvemento deste divertido xogo. 


















13/04/2025

COMEZAN OS APADRIÑAMENTOS LECTORES

Nestes días tiveron lugar os primeiros encontros entre os nenos e nenas de infantil e os seus padriños e madriñas lectoras.

Nalgúns casos xa se coñecen doutros cursos, xa que o alumnado de 6º EI leva dous anos sendo afillado dos maiores do cole, os de 6º de primaria. Noutros casos, como o de 4º EI, comezan esta aventura cos nenos e nenas de 4º de primaria, así que é un momento de moita ilusión para todos. 

Esta actividade desenvolveuse na biblioteca da escola e, ademais de lecturas, compartiron xogos, realizaron debuxos, falaron... do que se trata é de que pasen un ratiño agradable, así que calqueira tarefa pode ser a vía para seguir afianzando lazos :-)

Seguirán os encontros no vindeiro trimestre, realizando lecturas ao aire libre cando o tempo o permita. 

Grazas a todos os nenos e nenas e ao profesorado que os acompañou nesta actividade.








05/04/2025

MAXIA NA BIBLIO

O venres 4 de abril tivemos unha visita moi especial, o mago Daniel

Reunímonos todos os nenos e nenas da escola no salón de actos e non houbo moitas palabras, pero si moita ilusión e fantasía ademais dunha morea de risas. 

Foi xenial o teu espectáculo, esperamos que volvas noutra ocasión :-)






23/12/2024

CONTACONTOS DE NADAL 2024

O alumnado de 5º de primaria estivo a preparar unhas lecturas de Nadal para compartir cos nenos e nenas de educación infantil e 1º e 2º de primaria. 

Puxeron moita ilusión nesta actividade e, ademais de practicar a lectura dos contos, elaboraron materiais, agasallos e tarefas que complementaron a lectura. 

Os contos seleccionados foron os seguintes: 

3 anos: "La Navidad de Emilio y Lilú"

4 anos: "Soño de neve"

5 anos: "Sempre Nadal"

1º de primaria: "O Apalpador"

2º de primaria: "Los juguetes mágicos de la familia Claus"

Esperamos que vos guste o video, cun pequeno resumo destas bonitas lecturas compartidas.










18/12/2024

TEATRO NA ESCOLA: LOS DARLING

O alumnado de 4º de primaria escolleu como lectura para o 1º trimestre "Los Darling", un libro de teatro de Mónica Rodríguez. 

Despois de lelo decidiron preparar a obra de teatro, xa que é unha obra coral onde hai unha morea de personaxes. Ademais da memorización do texto, coidaron todos os detalles: vestiario, maquillaxe, decorado, luces, música...

A temática xira en torno aos monstros, vampiros e momias, é dicir, parte da época do Samaín e remata no tempo de Nadal.

Unha obra moi divertida e, sobre todo, na que houbo un gran traballo por parte de todos os nenos e nenas de 4º de primaria xunto coa súa titora Elena. 

Toda obra de teatro ten que ter o seu público, así que representárona para todos os nenos e nenas de infantil na última semana do 1º trimestre. 



No video tedes un pequeno resumo da obra... Parabéns a todos e todas polo esforzo e traballo!




26/10/2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES 2024

O Día das Bibliotecas Escolares todo o alumnado da escola disfrutou dun teatro de títeres a cargo da compañía Mircromina. Esta actividade foi organizada pola ANPA da escola, á que damos grazas por ofrecernos a posibilidade de participar nesta actividade.

A obra titulábase "Cousas de Casa", espectáculo para grandes e crianzas sobre a conciliación e igualdade, con títeres de guante e música en directo, onde o amor e o humor guían e aconsellan nas nosas relacións familiares.


Como complemento desta actividade o alumnado asistíu, nos días posteriores, a un taller de igualdade, tamén impartido pola mesma compañía. 





Este ano o lema da Asesoría das Bibliotecas Escolares é "Biblioteca Escolar, a escena!" así que a celebración deste día non puido ser máis axeitado. Grazas de novo ao ANPA por organizarlo!



Arquivo do blog