Amosando publicacións coa etiqueta ciencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ciencia. Amosar todas as publicacións

04/05/2026

ACTIVIDADES CON MATERIAIS DE POLOS CREATIVOS

Os nosos mestres Patricia e Manuel estiveron a preparar unha serie de actividades para aproveitar os recursos que temos na aula de Polos Creativos. 

Cada grupo subdividiuse para ocupar dous espazos diferentes: biblioteca e aula creativa. Mentres uns grupos xogaban e facían chapas con Ana, os outros aprendían a programar cos robots e, ao rematar, tocaba cambio. 

Para usar os robots cada grupo traballou unha ou dúas mulleres científica e así ían creando un recorrido co robot, salvando obstáculos, como moitas destas mulleres referentes: Wangari Maathai (política), Valentina Tereshkova (astronauta), Ada Lovelace (matemática), Francisca Nneka Okeke (física), Josefina Castellví (oceanógrafa), Kathrin Barboza (bióloga), Maria Sibylla (entomóloga), Mary Anning (paleontóloga), Francoise Barre Sinoussi (bioquímica), Jane Goodall (etóloga), Michiro Tsujimura (científica agrícola), Patricia Bath (oftalmóloga), Rachel Carson (bióloga), Rosalind Franklin (química) e Wang Zhenyi (científica).

No video veredes o ben que o pasamos! Moitas grazas a Patri, Manuel e Ana por organizar esta actividade :-)









09/04/2026

NOVO ESPAZO: LIBROS CORPO, CAMBIOS E CONSENTIMENTO

O curso pasado mercamos varios libros sobre o corpo, os cambios que nel se producen a medida que nenos e nenas van medrando... 

Agora, creamos un espazo especial para esta bibliografía, tanto para que nenos e nenas maiores poidan consultalos na Hora de Ler ou na clase de ciencias, como que o profesorado e familias teñan mellor acceso a estes fondos e, tamén,  para promover o préstamo atendendo ás idades do alumnado. 

Como en moitos outros casos, estes libros e contos é aconsellable lelos acompañados dun adulto, tanto na casa como na escola, por iso acompañamos esta exposición de carteis coas idades recomendadas segundo o contido dos mesmos. 







19/12/2025

XOGOS NA BIBLIO POLO NADAL 2025

Xa case é un clásico que nenos e nenas de 3º a 6º de primaria vaian á biblioteca a xogar na semana previa ás vacacións de Nadal. 

Establecemos varios espazos de actividades, aproveitando os recursos da biblioteca, e incorporamos sempre un obradoiro de Nadal. Neste caso a proposta foi facer adornos de Nadal co lapiceiro 3D, xa que contamos con varios grazas ao programa de Polos Creativos. 

Ademais, xogos de mesa, lettering e papiroflexia, LEGO, sopas de letras en galego e lecturas de Nadal foron as outras actividades nas que podían participar. 


P.D: Se vos interesan as sopas de letras en galego podedes atopalas no enlace ou en algunhas librarías da comarca (na actividade empregamos os modelos que envían de balde por estar suscritos).





09/12/2025

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025: PEÓNS E CRISTAIS DE SAL

No mes da Ciencia en Galego contarámosvos que habería un reto para toda a escola, averiguar cantos peóns hai no noso Museo do Xogo Popular. 

Podiamos deducir, contar, estimar, reflexionar... todas as estratexias eran válidas. Participaron unha morea de nenos e nenas e, aínda que ninguén dei co número exacto, houbo varios que se aproximaron bastante á cantidade correcta: 127.

Por outro lado o alumnado de 1º e 2º de primaria visitou o resto de clases explicando un experimento para crear cristais de sal. No video veredes un pequeno resumo de todas as actividades realizadas ao longo do mes, incluído este interesante experimento. 

Grazas a todos e todas por participar tan activamente nestas actividades ao longo do mes de novembro.














22/11/2025

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025: MOITOS RETOS E UN EXPERIMENTO

Na segunda quincena de novembro temos varias propostas para conmemorar o Mes da Ciencia en Galego

  • Retos diarios na biblio para os nenos e nenas de 2º a 6º de primaria
  • Retos semanais para resolver na clase para os nenos e nenas de infantil e 1º de primaria
  • Gran reto no que poderán participar todos os nenos e nenas do cole... e os adultos que queiran tamén!
  • Experimentos compartidos: o alumnado de 1º e 2º de primaria compartirá co resto do alumnado un experimento que están a preparar na clase. 
Retos diarios

Retos de 2º e 3º

Retos de 4º

Retos de 5º e 6º

A Pescadora cos retos de infantil e 1º 

Nenas de 4º resolvendo retos :-)

Gran reto: Cantos peóns haberá no museo?

Aínda estás a tempo!


08/11/2025

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025: CONCEPCIÓN PAZ PENÍN

Este ano pon voz ao manifesto polo Mes da Ciencia en Galego a ferrolá Concepción Paz Penín, enxeñeira industrial, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo. Actualmente, dirixe o Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos nesa universidade. Tamén é directora do Centro de Investigación en Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX). 


"As bibliotecas son parte esencial deste ecosistema: non só como espazos físicos, senón como nodos de encontro, conexión social e aprendizaxe permanente. A súa transformación dixital e social facilita que o coñecemento circule, que a ciencia se comparta e que máis persoas participen activamente, proporcionando as ferramentas para seguir aprendendo, cuestionando e creando. "

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025: ACTIVIDADES NA BIBLIOTECA

En novembro conmemoramos o Mes da Ciencia en Galego, realizando varias actividades relacionadas coa ciencia e a lectura. Premendo na imaxe poderedes acceder a información interesante sobre esta celebración.

Na escola, na primeira quincena do mes, repartiremos polas aulas unhas caixas temáticas con libros de ciencia -principalmente en lingua galega- que estarán a disposición do alumnado durante todo o mes nas súas aulas. Neste sentido estamos a facer un esforzo por incorporar novidades científicas escritas en galego, actualizando á vez o noso catálogo de fondos informativos. 



Tamén realizaremos unha exposición de libros sobre matemáticas, que estarán no corredor da biblioteca e se poderán coller en préstamo cando se desexe. 







Na segunda quincena do mes haberá propostas máis interactivas. por unha banda, uns retos matemáticos que nenos e nenas poderán resolver na bibliteca no tempo de recreo e, por outra, o alumnado de 1º e 2º de primaria preparará uns experimentos que explicará ao resto dos compañeiros antes de acabar o mes de novembro. 

Esperamos que sexa un mes de moitas aprendizaxes e moitas lecturas!




10/02/2025

DÍA DA NENA NA CIENCIA

Xa están no corredor da biblioteca parte dos fondos relacionados con mulleres científicas a disposición de toda a comunidade educativa para conmemorar o Día da Nena na Ciencia






A Pescadora de Historias tamén ten unha selección de libros para os máis peques!


Ademais, nestas semanas teremos xogos na biblio do proxecto POLOS CREATIVOS no que participa o noso centro. Deste xeito nenos e nenas poderán experimentar e crear no tempo de lecer. Nos enlaces poderedes ver os aspectos que favorecen este tipo de xogos como creatividade, pensamento lóxico, resolución de problemas ou pensamento computacional. 

Animádevos a vir!


KAPLA



KORBO




28/12/2024

EXPERIMENTOS COMPARTIDOS POLO MES DA CIENCIA EN GALEGO

A finais do 1º trimestre, o alumnado puido compartir os experimentos practicados nas aulas ao longo do mes de novembro. 

Cada grupo explicou a outro experimentos do máis variado, desde o vistoso volcán en erupción ata a copa de Pitágoras. 

Esta actividade está englobada dentro da conmemoración do Mes da Ciencia en Galego, xunto con outras actividades que das que fomos informando no blog. 

Moitas grazas aos titores e titoras por colaborar e desenvolver esta tarefa nas aulas e parabéns a todos os nenos e nenas polo seu traballo. 












23/12/2024

XOGOS NA BIBLIO POLO NADAL

Xa case é unha tradición que o alumnado de 3º a 6º de primaria pase unha sesión xogando na biblio nas datas previas ás vacacións de Nadal. 

Aínda que nenos e nenas poden vir no recreo a realizar empréstitos, ler, xogar... non todos veñen, así que este é un xeito de que un día todo o grupo de clase pase unha xornada de lecer e poidan descubrir as oportunidades que ofrece a biblioteca. 

Propoñemos sempre actividades ás que poden optar a cotío como o recanto lego, os xogos de mesa, o lettering e algún outro relacionado co Nadal, neste caso foi un taller de chapas

Para organizalo, previamente deseñaron a súa chapa de Nadal nas aulas e, despois, na sesión na biblio, empregaron a máquina de chapas con algo de axuda do profesorado. 

Foi unha sesión distendida e divertida e cunha orixinal chapa para poder levar para casa. 

Grazas aos titores e titoras por colaborar para que estas sesións se poidan realizar, ao profesorado que axuda nas sesións e aos nenos e nenas por vir con ilusión a xogar na biblio.







05/12/2024

EXPOSICIÓN " TESOUROS TECNOLÓXICOS"

O Mes da Ciencia en Galego trouxo unha morea de actividades, entre elas, unha exposición sobre tecnoloxía que houbo no primeiro andar no mes de decembro. 

Foi unha exposición interactiva, onde o alumnado podía adiviñar para que serviría cada aparello e comprobar despois a resposta correcta.









Tamén houbo un pequeno concurso, no que averiguar o nome e finalidade dun trebello que xa non anda moito polas casas. E vós, sabedes que é? 



Arquivo do blog