Amosando publicacións coa etiqueta quinto e sexto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta quinto e sexto. Amosar todas as publicacións

15/05/2026

PREGUNTÓN PRIMARIA 2026

Os maiores tamén tiveron o seu Preguntón polo Día do Libro. Como outros anos, un xogo de preguntas e pistas, buscando información pola biblioteca, Museo do Xogo Popular e, neste caso, exposición dos oficios tradicionais. 

Despois de contestar as preguntas, comprobaron as respostas e, ao remate, tiveron que adiviñar que letra se agochaba na proba final e entre todos compoñer unha palabra, lugar onde atoparían un pequeno tesouro. 

As palabras foron variadas: árbore, radio, clase.... dependendo do tempo meteorolóxico  que sempre marca as actividades do cole. 

O importante é que xogando descubren cousas, recordan outras, traballan en equipo, buscan información e, ademais, pasan un rato divertido. 

Esperamos seguir preguntando con Preguntón!



27/03/2026

APADRIÑAMENTOS LECTORES 2026

Coa primavera chegan os apadriñamentos lectores, así que aproveitamos esta última semana de escola para comezar a reencontrarnos, ler e xogar un pouco na biblioteca da escola. 

Polo de agora, a actividade realizárona os nenos e nenas de 5º e 6º de infantil cos seus padriños e madriñas de 5º e 6º EP, cos que inician o segundo e terceiro curso de apadriñamento, respectivamente. 

En breve chegará o momento en que o alumnado de 4º de infantil coñeza aos seus padriños,  que serán os nenos e nenas de 4º de primaria que se estrean nesta tarefa, seguro que o farán xenial!




19/12/2025

XOGOS NA BIBLIO POLO NADAL 2025

Xa case é un clásico que nenos e nenas de 3º a 6º de primaria vaian á biblioteca a xogar na semana previa ás vacacións de Nadal. 

Establecemos varios espazos de actividades, aproveitando os recursos da biblioteca, e incorporamos sempre un obradoiro de Nadal. Neste caso a proposta foi facer adornos de Nadal co lapiceiro 3D, xa que contamos con varios grazas ao programa de Polos Creativos. 

Ademais, xogos de mesa, lettering e papiroflexia, LEGO, sopas de letras en galego e lecturas de Nadal foron as outras actividades nas que podían participar. 


P.D: Se vos interesan as sopas de letras en galego podedes atopalas no enlace ou en algunhas librarías da comarca (na actividade empregamos os modelos que envían de balde por estar suscritos).





04/12/2025

VISITA AO CENTRO DE MAIORES DO NOSO BARRIO

Os nenos e nenas participantes no Club de Lectura visitaron o centro de maiores de Esteiro, para compartir con eles lecturas e adiviñas. 

Previamente, o alumnado escolleu os libros e preparou a actividade na escola xunto co resto dos compañeiros/as do club. 

Despois da lectura, tiveron unha pequena sorpresa, unha saborosa merenda para agradecer o tempo compartido.

Moitas grazas ao persoal encargado da animación do centro, que sempre nos recibe tan ben. 

Esperamos voltar pronto!













22/11/2025

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025: MOITOS RETOS E UN EXPERIMENTO

Na segunda quincena de novembro temos varias propostas para conmemorar o Mes da Ciencia en Galego

  • Retos diarios na biblio para os nenos e nenas de 2º a 6º de primaria
  • Retos semanais para resolver na clase para os nenos e nenas de infantil e 1º de primaria
  • Gran reto no que poderán participar todos os nenos e nenas do cole... e os adultos que queiran tamén!
  • Experimentos compartidos: o alumnado de 1º e 2º de primaria compartirá co resto do alumnado un experimento que están a preparar na clase. 
Retos diarios

Retos de 2º e 3º

Retos de 4º

Retos de 5º e 6º

A Pescadora cos retos de infantil e 1º 

Nenas de 4º resolvendo retos :-)

Gran reto: Cantos peóns haberá no museo?

Aínda estás a tempo!


21/11/2025

OBRADOIRO RADIOFÓNICO CON CRISTINA COLLAZO

Os nenos e nenas de 6º de primaria participaron nun obradoiro de radio relacionado co teatro. Para impartilo contamos con Cristina Collazo, actriz, directora, mestra... 

https://criscollazoactriz.gal/es/bio

Nenos e nenas desfrutaron un montón e coñeceron unha nova forma de facer radio, dentro da nosa participación no programa Radio na Biblio. 







05/05/2025

O PREGUNTÓN 2025

Polo Día do Libro estamos a celebrar o Preguntón, un xogo de pistas con preguntas sobre a biblioteca e o Museo do Xogo Popular

Con esta dinámica traballamos aspectos como as seccións da biblioteca, os tellos ou etiquetas, os tipos de lectores e, tamén, damos visibilidade aos xogos do museo así como aos carteis informativos. 

Este ano, ademais, aproveitamos a exposición de libros favoritos "Os 40 principais" para buscar alí información, como títulos de libros ou autores e autoras. 

Outro aspecto importante é o desenvolvemento da actividade, en pequeno grupo, fomentando o traballo en equipo, a organización do mesmo así como a competencia lectora e a pescuda de información. Pero non rematamos aí, senón que a actividade final e en gran grupo, polo que é imprescindible esperar a que todos os nenos e nenas rematen. Deste xeito respectamos os ritmos individuais e damos valor ao concepto de equipo, xa que todos e todas son necesarios para atopar o premio final.

Deixamos unha pequena mostra de fotos, e un video co desenvolvemento deste divertido xogo. 


















13/04/2025

COMEZAN OS APADRIÑAMENTOS LECTORES

Nestes días tiveron lugar os primeiros encontros entre os nenos e nenas de infantil e os seus padriños e madriñas lectoras.

Nalgúns casos xa se coñecen doutros cursos, xa que o alumnado de 6º EI leva dous anos sendo afillado dos maiores do cole, os de 6º de primaria. Noutros casos, como o de 4º EI, comezan esta aventura cos nenos e nenas de 4º de primaria, así que é un momento de moita ilusión para todos. 

Esta actividade desenvolveuse na biblioteca da escola e, ademais de lecturas, compartiron xogos, realizaron debuxos, falaron... do que se trata é de que pasen un ratiño agradable, así que calqueira tarefa pode ser a vía para seguir afianzando lazos :-)

Seguirán os encontros no vindeiro trimestre, realizando lecturas ao aire libre cando o tempo o permita. 

Grazas a todos os nenos e nenas e ao profesorado que os acompañou nesta actividade.








05/04/2025

MAXIA NA BIBLIO

O venres 4 de abril tivemos unha visita moi especial, o mago Daniel

Reunímonos todos os nenos e nenas da escola no salón de actos e non houbo moitas palabras, pero si moita ilusión e fantasía ademais dunha morea de risas. 

Foi xenial o teu espectáculo, esperamos que volvas noutra ocasión :-)






23/12/2024

XOGOS NA BIBLIO POLO NADAL

Xa case é unha tradición que o alumnado de 3º a 6º de primaria pase unha sesión xogando na biblio nas datas previas ás vacacións de Nadal. 

Aínda que nenos e nenas poden vir no recreo a realizar empréstitos, ler, xogar... non todos veñen, así que este é un xeito de que un día todo o grupo de clase pase unha xornada de lecer e poidan descubrir as oportunidades que ofrece a biblioteca. 

Propoñemos sempre actividades ás que poden optar a cotío como o recanto lego, os xogos de mesa, o lettering e algún outro relacionado co Nadal, neste caso foi un taller de chapas

Para organizalo, previamente deseñaron a súa chapa de Nadal nas aulas e, despois, na sesión na biblio, empregaron a máquina de chapas con algo de axuda do profesorado. 

Foi unha sesión distendida e divertida e cunha orixinal chapa para poder levar para casa. 

Grazas aos titores e titoras por colaborar para que estas sesións se poidan realizar, ao profesorado que axuda nas sesións e aos nenos e nenas por vir con ilusión a xogar na biblio.







CONTACONTOS DE NADAL 2024

O alumnado de 5º de primaria estivo a preparar unhas lecturas de Nadal para compartir cos nenos e nenas de educación infantil e 1º e 2º de primaria. 

Puxeron moita ilusión nesta actividade e, ademais de practicar a lectura dos contos, elaboraron materiais, agasallos e tarefas que complementaron a lectura. 

Os contos seleccionados foron os seguintes: 

3 anos: "La Navidad de Emilio y Lilú"

4 anos: "Soño de neve"

5 anos: "Sempre Nadal"

1º de primaria: "O Apalpador"

2º de primaria: "Los juguetes mágicos de la familia Claus"

Esperamos que vos guste o video, cun pequeno resumo destas bonitas lecturas compartidas.










12/12/2024

FORMACIÓN RADIO ESCOLAR 24-25

Un ano máis, e xa é o terceiro, o alumnado de 5º EP participou nun obradoiro de radio. Neste caso foi Gabriel Paz Otero o encargado de realizalo, os días 9 e 10 de decembro. 

Ao longo do curso terán oportunidade de levar á practica todo o aprendido e realizar podcast que serán publicados en Radio Buxaina. 

Estade atentos e atentas!





31/10/2024

PRIMEIROS DÍAS NA BIBLIOTECA DOS TESOUROS

O 7 de outubro abríu as súas portas a Biblioteca dos Tesouros e toda a rapazada da escola estaba desexando poder acudir no tempo de lecer. Como vedes na imaxe, o corredor estaba cheo de nenos e nenas rematando as súas merendas para poder entrar :-)

Estamos moi contentos de que, un curso máis, a biblioteca sexa un espazo de reunión, lectura, xogo e aprendizaxe. 






26/10/2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES 2024

O Día das Bibliotecas Escolares todo o alumnado da escola disfrutou dun teatro de títeres a cargo da compañía Mircromina. Esta actividade foi organizada pola ANPA da escola, á que damos grazas por ofrecernos a posibilidade de participar nesta actividade.

A obra titulábase "Cousas de Casa", espectáculo para grandes e crianzas sobre a conciliación e igualdade, con títeres de guante e música en directo, onde o amor e o humor guían e aconsellan nas nosas relacións familiares.


Como complemento desta actividade o alumnado asistíu, nos días posteriores, a un taller de igualdade, tamén impartido pola mesma compañía. 





Este ano o lema da Asesoría das Bibliotecas Escolares é "Biblioteca Escolar, a escena!" así que a celebración deste día non puido ser máis axeitado. Grazas de novo ao ANPA por organizarlo!



18/10/2024

QUE SON AS DESIDERATAS?

Que son as desideratas? É un conxunto de cousas que se estrañan. Aplicado á biblioteca escolar serían os libros ou materiais que queremos que haxa e non existen. 

Un dos xeitos que ten o alumnado da escola de ser partícipe do funcionamento da biblioteca escolar é a través das súas peticións e aportacións para completar o catálogo existente, é dicir, a través das "desideratas". Para facelo ten a súa disposición unha caixa de correo onde anotar as súas suxestións, ideas e títulos que lles gustaría que mercásemos. 

No corredor da biblio fixemos un pequeno mural onde explicamos que son as desideratas e cales xa forman parte da biblioteca dos tesouros, como libros da colección "Policán", libros da colección "Los pitufos y la aldea de las chicas", ou o libro de banda deseñada"Alergia".











Arquivo do blog