Amosando publicacións coa etiqueta xogos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xogos. Amosar todas as publicacións

16/01/2026

TEMPO DE LECER, TEMPO DE LER E MOITO MÁIS...

Á volta de Nadal moitos nenos e nenas estaban desexando poder voltar á biblio no tempo de recreo. 

Algúns prefiren xogar a xogos de mesa, outros a LEGO, moitos e moitas queren debuxar, as marionetas tamén son das preferidas e, como non, os e as axudantes organizando, buscando libros, colocando e xestionando os préstamos. 

Este día abrimos un buratiño para poder ver todo o que acontece na biblio cando éstá aberta ao público :-)




19/12/2025

XOGOS NA BIBLIO POLO NADAL 2025

Xa case é un clásico que nenos e nenas de 3º a 6º de primaria vaian á biblioteca a xogar na semana previa ás vacacións de Nadal. 

Establecemos varios espazos de actividades, aproveitando os recursos da biblioteca, e incorporamos sempre un obradoiro de Nadal. Neste caso a proposta foi facer adornos de Nadal co lapiceiro 3D, xa que contamos con varios grazas ao programa de Polos Creativos. 

Ademais, xogos de mesa, lettering e papiroflexia, LEGO, sopas de letras en galego e lecturas de Nadal foron as outras actividades nas que podían participar. 


P.D: Se vos interesan as sopas de letras en galego podedes atopalas no enlace ou en algunhas librarías da comarca (na actividade empregamos os modelos que envían de balde por estar suscritos).





05/05/2025

O PREGUNTÓN 2025

Polo Día do Libro estamos a celebrar o Preguntón, un xogo de pistas con preguntas sobre a biblioteca e o Museo do Xogo Popular

Con esta dinámica traballamos aspectos como as seccións da biblioteca, os tellos ou etiquetas, os tipos de lectores e, tamén, damos visibilidade aos xogos do museo así como aos carteis informativos. 

Este ano, ademais, aproveitamos a exposición de libros favoritos "Os 40 principais" para buscar alí información, como títulos de libros ou autores e autoras. 

Outro aspecto importante é o desenvolvemento da actividade, en pequeno grupo, fomentando o traballo en equipo, a organización do mesmo así como a competencia lectora e a pescuda de información. Pero non rematamos aí, senón que a actividade final e en gran grupo, polo que é imprescindible esperar a que todos os nenos e nenas rematen. Deste xeito respectamos os ritmos individuais e damos valor ao concepto de equipo, xa que todos e todas son necesarios para atopar o premio final.

Deixamos unha pequena mostra de fotos, e un video co desenvolvemento deste divertido xogo. 


















05/04/2025

MAXIA NA BIBLIO

O venres 4 de abril tivemos unha visita moi especial, o mago Daniel

Reunímonos todos os nenos e nenas da escola no salón de actos e non houbo moitas palabras, pero si moita ilusión e fantasía ademais dunha morea de risas. 

Foi xenial o teu espectáculo, esperamos que volvas noutra ocasión :-)






10/02/2025

DÍA DA NENA NA CIENCIA

Xa están no corredor da biblioteca parte dos fondos relacionados con mulleres científicas a disposición de toda a comunidade educativa para conmemorar o Día da Nena na Ciencia






A Pescadora de Historias tamén ten unha selección de libros para os máis peques!


Ademais, nestas semanas teremos xogos na biblio do proxecto POLOS CREATIVOS no que participa o noso centro. Deste xeito nenos e nenas poderán experimentar e crear no tempo de lecer. Nos enlaces poderedes ver os aspectos que favorecen este tipo de xogos como creatividade, pensamento lóxico, resolución de problemas ou pensamento computacional. 

Animádevos a vir!


KAPLA



KORBO




23/12/2024

XOGOS NA BIBLIO POLO NADAL

Xa case é unha tradición que o alumnado de 3º a 6º de primaria pase unha sesión xogando na biblio nas datas previas ás vacacións de Nadal. 

Aínda que nenos e nenas poden vir no recreo a realizar empréstitos, ler, xogar... non todos veñen, así que este é un xeito de que un día todo o grupo de clase pase unha xornada de lecer e poidan descubrir as oportunidades que ofrece a biblioteca. 

Propoñemos sempre actividades ás que poden optar a cotío como o recanto lego, os xogos de mesa, o lettering e algún outro relacionado co Nadal, neste caso foi un taller de chapas

Para organizalo, previamente deseñaron a súa chapa de Nadal nas aulas e, despois, na sesión na biblio, empregaron a máquina de chapas con algo de axuda do profesorado. 

Foi unha sesión distendida e divertida e cunha orixinal chapa para poder levar para casa. 

Grazas aos titores e titoras por colaborar para que estas sesións se poidan realizar, ao profesorado que axuda nas sesións e aos nenos e nenas por vir con ilusión a xogar na biblio.







02/05/2024

XOGOS INCLUSIVOS NA BIBLIO

Aumentamos o recanto de xogos de mesa con novas adquisicións, neste caso xogos inclusivos adaptados a todos os nenos e nenas. Esperamos que teñan unha boa aceptación entre o alumnado e profesorado, convertíndose nun novo recurso para aprender e disfrutar no tempo de lecer na escola. 


No seguinte enlace poderás acceder ao listado completo de xogos e a un arquivo adxunto cunha breve descrición do xogo, idade recomendada e outra información que pode ser de interese. 

27/04/2024

O PREGUNTÓN 2024

Para conmemorar o Día do Libro xa é habitual organizar o Preguntón. Un xogo de pescuda de información, na biblioteca da escola e noutros espazos como o Museo do Xogo Popular, ubicado no interior do noso centro. 

O xogo comezaba na biblioteca, cunhas pequenas instrucións, colgantes de cores para facer 5 equipos e unha folla para anotar as respostas. 



Despois tocou atopar os sobres ( 5 por equipo en primaria e 1 por equipo en infantil) e ir respondendo as preguntas, algunhas relacionadas coa biblioteca e a súa organización (seccións, tellos, espazos...), outras relacionadas co Museo do Xogo Popular ( búsqueda de xoguetes, regras de xogos...) e algunhas sobre deportes olímpicos (deportistas, deportes, elementos deportivos...). Neste último caso a temática parte do proxecto anual de centro, ligado ás Olimpíadas

Nenos e nenas movéronse pola escola para ir resolvendo todas as preguntas e, ao final, atopar un pequeno tesouro. A continuación deixamos unhas fotos e un pequeno video de todos os cursos na realización do xogo. 







23/12/2023

XOGOS NA BIBLIO POLO NADAL

Un ano máis o equipo de biblioteca convida ao alumnado de 3º a 6º de primaria a unha sesión de xogos e obradoiros na biblioteca da escola. Trátase dunha sesión de lecer, na que cada quen pode participar nas actividades que máis lle apeteza, deste xeito promovemos o emprego da biblioteca entre todos os nenos e nenas, sobre todo aqueles que non acuden de xeito habitual. 

Taller de lettering, obradoiro de postais de Nadal, xogos de mesa e recanto LEGO foron as propostas deste curso... e que hai cousas que sempre teñen éxito!

Grazas a todos os nenos e nenas pola súa participación nesta proposta,  e aos titores, titoras e demais profesorado que colabora para que esta actividade sexa posible. 

Unha imaxe vale máis que mil palabras!



29/04/2023

DÍA DO LIBRO 2023

Para conmemorar o Día do Libro o alumnado da escola participou un ano máis no Preguntón. Este ano plantexámolo como unha búsqueda do tesouro, atopando pistas distribuídas na biblioteca e Museo do Xogo Popular. 

Para organizalo decidimos crear tres niveis: Educación Infantil, 1º-2º-3º de Educación Primaria e 4º-5º-6º-de Educación Primaria. 

En tódolos casos o alumnado foi dividido en 5 equipos de cores: vermello, amarelo, verde, azul e laranxa. 

Na quenda de Educación Infantil cada equipo resolveu unha proba e ao final tiveron que compoñer un crebacabezas que lles daría a pista de onde se atopaba o tesouro. 

Nas quendas de Educación Primaria, houbo 5 equipos de cores por aula, pero tamén había 5 itinerarios de preguntas, con 5 probas cada un. Ao final atopaban ou ben as pezas dun crebacabezas para compoñer ou no caso de 4º, 5º e 6º frases dunha rifa popular, para ordear ata que fose correcta. 

As preguntas estaban relacionadas con espazos da biblioteca, como as zonas onde están ubicados os libros (prelectores, primeiros lectores e lectores autónomos), coa localización de libros (informativos, narrativa, poesía..) así como coa localización de xogos e información relacionada co museo e a resolución de adiviñas. Por exemplo: 

  • Sabedes onde se fabrican as mellores buxainas de Ferrol? 
  • Que cor é a que fai que os trompos sexan máis veloces? 
  • Cal é a orixe dos peóns? 
Pois todo esto e moito máis está no noso museo, entre perinolas, zancos, birlos e cordas :-)

Esta actividade está relacionada coa liña de traballo que iniciamos este curso para darlle maior visibilidade ao museo, sendo este protagonista de diferentes actividades ao longo de todo o ano. 

Foi unha semana intensa pero pagou a pena, xa que nenos e nenas participaron activamente na proposta e pensamos que lles gustou moito. 

Grazas a todos os que colaboráchedes na organización e desenvolvemento da actividade, sen a vosa participación non sería posible. 






21/04/2023

UN NOME PARA A RADIO DA ESCOLA

Hai unhas semanas o equipo de dinamización da biblioteca convocou un pequeno concurso para que o alumnado fixese propostas para o nome e logotipo da nosa radio escolar. 

No corredor da biblioteca hai unha exposición das súas creacións, vai ser unha decisión moi difícil! 








02/12/2022

CHEGA O NADAL!

Nestes primeiros días de decembro xa temos preparada unha pequena exposición de libros sobre Nadal. Pero non será a única proposta para estes días, temos un montón de sorpresas!

Os días 14, 15 e 16 de decembro o alumnado desde 3º a 6º de primaria terá unha sesión de xogos na biblio. Haberá xogos de mesa, recanto de lettering, recanto LEGO e un pequeno obradoiro de marcapáxinas de Nadal. 

Os días 19 e 20 de decembro será tempo para os peques do cole. Todo o alumnado de infantil, 1º e 2º de primaria acudirá a un contacontos de Nadal. Os axudantes da biblioteca deste trimestre están a preparar as lecturas con moita ilusión, así que esperemos que todo saia ben e sexa un bonito momento de encontro.








31/10/2022

CELEBRAMOS O DÍA DA BIBLIOTECA CON ANTÓN CORTIZAS

O venres, conmemoramos na escola o Día das Bibliotecas cunha xornada moi especial. Visitounos o escritor Antón Cortizas e partillou con todo o alumnado da escola contos, rimas, lecturas e xogos. 

Previamente, o equipo de biblioteca preparou unha exposición, con parte da súa bibliografía, para que en todas as aulas coñeceran a súa obra.



Pero Antón ademais de escritor é investigador, publicou varios ensaios sobre o xogo e os xoguetes, que temos na escola: "Tastarasbás", "Chirlosmirlos", "O pé da laxa da Moa". Tamén fabrica xoguetes, algúns deles están no Museo do Xogo Popular do noso colexio como, por exemplo, o avión que se atopa nas escaleiras que van á biblioteca. 






Antón preparou diferentes actividades en función dos nenos e nenas. Ao alumnado de infantil leulles o conto "Os dez animais" e aprendeulles a facer unha pombiña de papel. Ao alumnado de 1º a 3º de primaria leulles "Érase unha vez na quimbamba" e despois ilustraron o seu propio exemplar facendo un minilibro. Cos maiores da escola fixo papiroflexia e tamén compartíu lectura e escritura por medio dun poema publicado "No colo das palavras".


Para agradecerlle o tempo compartido fixémoslle un agasallo: un boneco feito con folla de millo elaborado por unhas artesás da comarca, As Lolas da Cascarilla. Na dedicatoria puxemos "Antón, o xogueteiro de Esteiro", pola súa importante aportación ao noso Museo do Xogo Popular. 





22/04/2022

II XORNADA DE XOGOS

A FINAIS DO 2º TRIMESTRE TODAS AS CLASES DE PRIMARIA DISFRUTARON DUNHA NOVA SESIÓN DE XOGOS NA BIBLIOTECA DA ESCOLA.



AS PROPOSTAS ESTA VEZ FORON: LETTERING, CREACIÓN POÉTICA, XOGOS DE MESA, LEGO E ORDENADORES. NO VIDEO PODEREDES VER O BEN QUE O PASARON E AS GAÑAS QUE HAI DE VOLTAR Á BIBLIOTECA COMO FACIAMOS ANTES.

 

OS NENOS E NENAS DE EDUCACIÓN INFANTIL TAMÉN TIVERON UNHA XORNADA ESPECIAL NA BIBLIOTECA, NESTA OCASIÓN NADA MÁIS E NADA MENOS QUE UN CONTACONTOS ORGANIZADO POR UNHA NOVA COLABORADORA DA “PESCADORA DE HISTORIAS”:

A CONTACONTOS MARISA QUE CONTA UNHA HISTORIAS QUE TE ESMENDRELLAS DE RISA!

NAS SEGUINTES FOTOS VEREDES O ATENTOS E ATENTAS QUE ESTIVERON, E QUE FOI VERDADE QUE HOUBO RISAS A ESGALLA ;-)





GRAZAS A TODO O ALUMNADO POR ACUDIR CON ILUSIÓN A ESTAS PROPOSTAS DO EQUIPO DE BIBLIOTECA E GRAZAS A TODO O PROFESORADO POLA SÚA IMPLICACIÓN PARA QUE ESTAS ACTIVIDADES SEXAN POSIBLES.

 

 

24/01/2022

Xogando na biblioteca

A finais do 1º trimestre nenos e nenas de primaria desfrutaron dunha sesión de xogos na biblioteca. O equipo de biblioteca organizou distintos recantos para que o alumnado tivese diferentes opcións: papiroflexia, debuxo, fotografía, ordenadores, xogos de mesa e LEGO

Por unhas horas a biblioteca recuperou a actividade habitual, con risas, amigos, amigas e moita diversión.

No seguinte enlace tedes, polo miúdo, as fotos que fixeron nenos e nenas participando no recanto de fotografía no reto de book face friday.

https://bibliotecaceipesteiroferrol.blogspot.com/2021/12/no-mes-de-decembro-o-alumnado-de.html

E non nos olvidamos dos peques de infantil, que tiveron unha sesión de cine con flocos de millo incluídos :-)

Repetiremos!
 




13/02/2020

ESPAZO LEGO

O ano novo trouxo algúns cambios ao ESPAZO LEGO da nosa biblioteca, as quendas establecidas por cursos foron substituídas por un sistema de identificación específico para este recuncho dándolle así máis dinamismo a este espazo que, ás veces, non era ocupado polo curso en cuestión deixando así a parte do alumnado que sí desexaba facer construcións sen podder facer construcións. Así os interesados poden achegarse pola biblioteca calquera día independentemente do curso ao que pertenzan.





 


Arquivo do blog