Amosando publicacións coa etiqueta valores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta valores. Amosar todas as publicacións

09/04/2026

NOVO ESPAZO: LIBROS CORPO, CAMBIOS E CONSENTIMENTO

O curso pasado mercamos varios libros sobre o corpo, os cambios que nel se producen a medida que nenos e nenas van medrando... 

Agora, creamos un espazo especial para esta bibliografía, tanto para que nenos e nenas maiores poidan consultalos na Hora de Ler ou na clase de ciencias, como que o profesorado e familias teñan mellor acceso a estes fondos e, tamén,  para promover o préstamo atendendo ás idades do alumnado. 

Como en moitos outros casos, estes libros e contos é aconsellable lelos acompañados dun adulto, tanto na casa como na escola, por iso acompañamos esta exposición de carteis coas idades recomendadas segundo o contido dos mesmos. 







05/03/2026

DÍA DA MULLER 2026

Novas caixas con moitos libriños enchen as aulas de todo o colexio de Esteiro, nesta ocasión libros sobre mulleres, igualdade, respecto, valores, referentes en diferentes campos...

Para preparar estas caixas contamos coa colaboración dos e das axudantes de biblioteca que se encargan de buscalos pola biblioteca, facer o préstamo a cada aula e repartilas polas mesmas. É unha tarefa que lles gusta e coa que aprenden moito sobre como localizar un libro na biblioteca atendendo ao tello (etiqueta) e á información que nel existe (tipoloxía de libro, autor e título).

Agora tócavos a vós, nenos e nenas do cole, ler, aprender e reflexionar coas lecturas...







04/12/2025

VISITA AO CENTRO DE MAIORES DO NOSO BARRIO

Os nenos e nenas participantes no Club de Lectura visitaron o centro de maiores de Esteiro, para compartir con eles lecturas e adiviñas. 

Previamente, o alumnado escolleu os libros e preparou a actividade na escola xunto co resto dos compañeiros/as do club. 

Despois da lectura, tiveron unha pequena sorpresa, unha saborosa merenda para agradecer o tempo compartido.

Moitas grazas ao persoal encargado da animación do centro, que sempre nos recibe tan ben. 

Esperamos voltar pronto!













10/05/2025

VISITA DE ESTEFANÍA PADULLÉS

O día 6 de maio tivemos a visita de Estefanía Padullés, ilustradora e escritora, que veu para presentarnos os seus álbums ilustrados "Leopoldo, o pequeno monstro" e "A machas ou a raias?"

   

Ambos libros están na biblioteca dos tesouros, xunto con moitos outros ilustrados e/ou escritos por Estefanía. 


Neste encontro partiparon todos os nenos e nenas de educación infantil e, nunha segunda quenda, o alumnado de 1º e 2º de primaria. 
Estefanía foi contando as historias á vez que ía debuxando aos personaxes, convidándonos a reflexionar sobre as diferenzas, a autoestima, as diferentes capacidades e o respecto polos outros.


 




Unha visita moi especial e diferente :-)

Esperamos contar de novo contigo na biblioteca cos tesouros!










06/03/2025

LECTURAS SELECCIONADAS PARA O 8M

O 8 de marzo como Día Internacional da Muller foi adoptado pola Asemblea Xeral da ONU en 1977, aínda que xa comezara a conmemorarse dous anos antes. A súa orixe radica nas manifestacións de mulleres, sobre todo en Europa, que a comezos do século XX reclamaban o dereito ao voto, mellores condicións laborais e a igualdade entre mulleres e homes. 

Temos un exemplo desas mobilizacións o 8 de marzo de 1917, cando as mulleres rusas fixeron folga, reclamando  "Pan e paz". Catro días despois, o zar viuse obrigado a abdicar e o goberno provisional concedeu ás mulleres o dereito de voto.



Poema visual do artista Clemente Padín (1980)

Desde a biblioteca dos tesouros fixemos unha selección de lecturas para que todos os nenos e nenas da escola poidan ler diferentes libros e contos para conmemorar o Día da Muller.

Nestas caixas nenos e nenas atoparán biografías de mulleres relevantes, contos populares reformulados, libros sobre heroínas, contos con personaxes femininos que viven a desigualdade e son quen de afrontala, en definitiva, historias que fan pensar e aprender e aprenden a pensar. 

Esperamos que resulten do voso interese!

  





24/01/2025

LECTURAS PARA O DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro conmemórase o Día da Paz e da Non Violencia e, desde a biblioteca dos tesouros,  sempre colaboramos coas titorías para que dispoñan de materiais que poidan servir para tratar este tema nas aulas. 

Cada curso ten asignadas unhas lecturas así que, ao longo de toda a súa escolaridade, o alumnado ten acceso a un bo número de libros sobre a paz, a solidariedade, o respecto, a convivencia... 

Como novidade, incorporamos o libro "Lo que no le gusta a la guerra" de Ximo Abadía (premendo na foto veredes como é por dentro).



Nas seguintes fotos veredes as caixas que enviamos ás aulas, algunhas renovadas por unhas de madeira, que son ben bonitas. 






Ademais, no corredor están a disposición de toda a comunidade educativa máis lecturas... esperamos que sexan do voso interese!










24/11/2024

LIBROS E XOGOS PARA LOITAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O calendario está cheo de datas sinaladas e, ás veces, non nos decatamos da relevancia de reflexionar sobre a importancia e o porque das mesmas. 

A loita contra a violencia, sexa da natureza que sexa, ten que ser transversal, desde todos os ámbitos,  incluída a escola. E, no caso da violencia contra as mulleres é moi importante concienciar desde ben pequenos para que os nenos e nenas de hoxe sexan, no futuro, uns homes e mulleres de paz. 

Unha maneira de aprender, reflexionar e tomar conciencia pode ser a través da literatura e da didáctica dos xogos, así que poñemos nun lugar visible no corredor todos os recursos da biblioteca dos tesouros, para que todos os que conformades a comunidade educativa podades dispoñer deles. 






Como recomendación, este curso incorporamos algúns novos libros como "Soy solo mía", "Marta ya no da besos" e "Armando no estarás llorando" axeitados para ler durante todo o ano, pero de especial axuda nestas datas. Deixamos a continuación algún videoconto destes títulos, pero se preferides lelo en papel non dubidedes en acudir á nosa biblio. 


26/10/2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES 2024

O Día das Bibliotecas Escolares todo o alumnado da escola disfrutou dun teatro de títeres a cargo da compañía Mircromina. Esta actividade foi organizada pola ANPA da escola, á que damos grazas por ofrecernos a posibilidade de participar nesta actividade.

A obra titulábase "Cousas de Casa", espectáculo para grandes e crianzas sobre a conciliación e igualdade, con títeres de guante e música en directo, onde o amor e o humor guían e aconsellan nas nosas relacións familiares.


Como complemento desta actividade o alumnado asistíu, nos días posteriores, a un taller de igualdade, tamén impartido pola mesma compañía. 





Este ano o lema da Asesoría das Bibliotecas Escolares é "Biblioteca Escolar, a escena!" así que a celebración deste día non puido ser máis axeitado. Grazas de novo ao ANPA por organizarlo!



02/05/2024

XOGOS INCLUSIVOS NA BIBLIO

Aumentamos o recanto de xogos de mesa con novas adquisicións, neste caso xogos inclusivos adaptados a todos os nenos e nenas. Esperamos que teñan unha boa aceptación entre o alumnado e profesorado, convertíndose nun novo recurso para aprender e disfrutar no tempo de lecer na escola. 


No seguinte enlace poderás acceder ao listado completo de xogos e a un arquivo adxunto cunha breve descrición do xogo, idade recomendada e outra información que pode ser de interese. 

Arquivo do blog