19/02/2024
09/06/2022
Proxecto "Lendas de Galicia"
Despois de varios meses de traballo recompilamos as fotos de todas as actividades feitas sobre as "Lendas de Galicia". Comezamos aló polo mes de decembro coa selección de lecturas e rematamos no mes de abril coa celebración do Día do Libro. Pescudas, creatividade, Entroido, lapbooks, contos, debuxos... houbo tempo para todo e moito esforzo por parte de todo o alumnado e profesorado da escola.
Esperamos que vos guste o resultado e desfrutedes do video!
12/05/2022
PRIMAVERA DAS LETRAS
2022
FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN
A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas 2022 ao escritor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. A súa foi unha vida chea de atrancos pero tamén de alegrías e amor pola lingua e a cultura galegas. Descúbrea da man da escritora Ledicia Costas e da ilustradora Blanca Millán .
03/05/2022
ESPAZO CREATIVO PARA O CLUB DE LECTURA
No corredor da biblioteca creamos un espazo onde facemos visibles as lecturas que están a levar a cabo.
Ademais o alumnado participante pode poñer ideas e reflexións ou mostrar o resultado das diferentes tarefas que se propoñen a raíz de ler o libro seleccionado. Entre estas actividades elaboraron un ”knolling literario”, en concreto sobre dous títulos de Roald Dahl: “A marabillosa medicina de George” e “As bruxas”.
Que é o “knolling”? É unha técnica fotográfica que consiste en sacar unha foto cenital dunha serie de obxectos elixidos expresamente para esa ocasión. No seguinte vídeo poderedes ver unha pequena explicación de como nace esta técnica e como aplicala ao mundo da literatura:
https://www.youtube.com/watch?time_continue=87&v=zdJQJXL4O_g&feature=emb_logo
A continuación vedes o resultado do “knolling literario” sobre “As bruxas” que fixeron “Os Cazalibros”. A que son xeniais?
24/02/2022
Día de Rosalía 2022
Este ano o Día de Rosalía mudou ao 23 de febreiro debido ao achado da filóloga Sagrario Abelleira, que descubriu unha declaración notarial da nai da autora na que se indicaba como data real na que nacera Rosalía o día 23 e non o 24, que sería a data do seu bautismo.
Para conmemorar esta data tan importante para as nosas letras, o Equipo de Dinamización de Lingua Galega propuxo ao alumnado aprender e recitar algúns dos seus poemas.
O persoal da biblioteca buscou recursos relacionados con Rosalía de Castro e presentou unha pequena exposición para que profesorado e alumnado empregase nesta fermosa actividade.
O resultado podedes velo na canle de youtube da escola ou premendo no seguinte enlace:
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipesteiro/node/1080
Parabéns ás compañeiras de Dinamización Lingüística pola idea e o traballo de montaxe e, por suposto, a todos os nenos e nenas do cole de Esteiro.






