Amosando publicacións coa etiqueta divulgación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta divulgación. Amosar todas as publicacións

04/05/2026

ACTIVIDADES CON MATERIAIS DE POLOS CREATIVOS

Os nosos mestres Patricia e Manuel estiveron a preparar unha serie de actividades para aproveitar os recursos que temos na aula de Polos Creativos. 

Cada grupo subdividiuse para ocupar dous espazos diferentes: biblioteca e aula creativa. Mentres uns grupos xogaban e facían chapas con Ana, os outros aprendían a programar cos robots e, ao rematar, tocaba cambio. 

Para usar os robots cada grupo traballou unha ou dúas mulleres científica e así ían creando un recorrido co robot, salvando obstáculos, como moitas destas mulleres referentes: Wangari Maathai (política), Valentina Tereshkova (astronauta), Ada Lovelace (matemática), Francisca Nneka Okeke (física), Josefina Castellví (oceanógrafa), Kathrin Barboza (bióloga), Maria Sibylla (entomóloga), Mary Anning (paleontóloga), Francoise Barre Sinoussi (bioquímica), Jane Goodall (etóloga), Michiro Tsujimura (científica agrícola), Patricia Bath (oftalmóloga), Rachel Carson (bióloga), Rosalind Franklin (química) e Wang Zhenyi (científica).

No video veredes o ben que o pasamos! Moitas grazas a Patri, Manuel e Ana por organizar esta actividade :-)









09/04/2026

NOVO ESPAZO: LIBROS CORPO, CAMBIOS E CONSENTIMENTO

O curso pasado mercamos varios libros sobre o corpo, os cambios que nel se producen a medida que nenos e nenas van medrando... 

Agora, creamos un espazo especial para esta bibliografía, tanto para que nenos e nenas maiores poidan consultalos na Hora de Ler ou na clase de ciencias, como que o profesorado e familias teñan mellor acceso a estes fondos e, tamén,  para promover o préstamo atendendo ás idades do alumnado. 

Como en moitos outros casos, estes libros e contos é aconsellable lelos acompañados dun adulto, tanto na casa como na escola, por iso acompañamos esta exposición de carteis coas idades recomendadas segundo o contido dos mesmos. 







09/12/2025

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025: PEÓNS E CRISTAIS DE SAL

No mes da Ciencia en Galego contarámosvos que habería un reto para toda a escola, averiguar cantos peóns hai no noso Museo do Xogo Popular. 

Podiamos deducir, contar, estimar, reflexionar... todas as estratexias eran válidas. Participaron unha morea de nenos e nenas e, aínda que ninguén dei co número exacto, houbo varios que se aproximaron bastante á cantidade correcta: 127.

Por outro lado o alumnado de 1º e 2º de primaria visitou o resto de clases explicando un experimento para crear cristais de sal. No video veredes un pequeno resumo de todas as actividades realizadas ao longo do mes, incluído este interesante experimento. 

Grazas a todos e todas por participar tan activamente nestas actividades ao longo do mes de novembro.














08/11/2025

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025: CONCEPCIÓN PAZ PENÍN

Este ano pon voz ao manifesto polo Mes da Ciencia en Galego a ferrolá Concepción Paz Penín, enxeñeira industrial, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo. Actualmente, dirixe o Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos nesa universidade. Tamén é directora do Centro de Investigación en Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX). 


"As bibliotecas son parte esencial deste ecosistema: non só como espazos físicos, senón como nodos de encontro, conexión social e aprendizaxe permanente. A súa transformación dixital e social facilita que o coñecemento circule, que a ciencia se comparta e que máis persoas participen activamente, proporcionando as ferramentas para seguir aprendendo, cuestionando e creando. "

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2025: ACTIVIDADES NA BIBLIOTECA

En novembro conmemoramos o Mes da Ciencia en Galego, realizando varias actividades relacionadas coa ciencia e a lectura. Premendo na imaxe poderedes acceder a información interesante sobre esta celebración.

Na escola, na primeira quincena do mes, repartiremos polas aulas unhas caixas temáticas con libros de ciencia -principalmente en lingua galega- que estarán a disposición do alumnado durante todo o mes nas súas aulas. Neste sentido estamos a facer un esforzo por incorporar novidades científicas escritas en galego, actualizando á vez o noso catálogo de fondos informativos. 



Tamén realizaremos unha exposición de libros sobre matemáticas, que estarán no corredor da biblioteca e se poderán coller en préstamo cando se desexe. 







Na segunda quincena do mes haberá propostas máis interactivas. por unha banda, uns retos matemáticos que nenos e nenas poderán resolver na bibliteca no tempo de recreo e, por outra, o alumnado de 1º e 2º de primaria preparará uns experimentos que explicará ao resto dos compañeiros antes de acabar o mes de novembro. 

Esperamos que sexa un mes de moitas aprendizaxes e moitas lecturas!




28/12/2024

EXPERIMENTOS COMPARTIDOS POLO MES DA CIENCIA EN GALEGO

A finais do 1º trimestre, o alumnado puido compartir os experimentos practicados nas aulas ao longo do mes de novembro. 

Cada grupo explicou a outro experimentos do máis variado, desde o vistoso volcán en erupción ata a copa de Pitágoras. 

Esta actividade está englobada dentro da conmemoración do Mes da Ciencia en Galego, xunto con outras actividades que das que fomos informando no blog. 

Moitas grazas aos titores e titoras por colaborar e desenvolver esta tarefa nas aulas e parabéns a todos os nenos e nenas polo seu traballo. 












22/11/2024

LECTURAS E RETOS CIENTÍFICOS

O mes de novembro é un mes cheo de celebracións moi variadas así que na biblioteca dos tesouros estamos traballando moito para ofrecer recursos e actividades para todas elas. 

Seguimos inmersos na conmemoración do Mes da Ciencia en Galego, e no corredor temos unha pequena exposición de lecturas con libros sobre ciencia en galego, para que nenos e nenas teñan ao seu alcance libros de carácter científico en lingua galega. 

Por outra banda durante dúas semanas todos aqueles que o desexen poderán participar nos retos matemáticos, un diferente cada día, ata completar dez. Para os nenos e nenas de infantil e 1º de primaria o reto será semanal, coincidindo co día no que acuden a realizar os préstamos e devolucións na biblio. 

Nas aulas, o alumnado xa está practicando experimentos que dentro de pouco compartiremos, e en breve teremos outra sorpresiña relacionada coa tecnoloxía e a ciencia. 

Seguiremos informando!





07/11/2024

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2024

Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Conselleria de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección coa difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Felipe Criado-Boadoarqueólogo e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC.  Foi Premio nacional de investigación 2023.

Na escola, xa estamos a preparar varias actividades promovidas desde a biblioteca dos tesouros, a primeira xa está en marcha, facilitando bibliografía científica en galego a todas as aulas de infantil e primaria. Temos novidades moi interesantes que incorporamos este curso, xa que sempre estamos atentos ás novidades de libros informativos en galego :-)







Se premedes na imaxe accederes ao manifesto de 2024 e a unha morea de actividades que se realizarán en diferentes bibliotecas de Galicia. 






13/12/2023

ACTIVIDADES POLO MES DA CIENCIA EN GALEGO

Novembro foi un mes moi intenso na biblioteca dos tesouros...  A ciencia tivo un papel protagonista e no video veredes un resumo de todo o traballado nas aulas. Parabéns a todo o alumnado e profesorado polo esforzo!


Se premedes na seguinte imaxe poderedes ver o video da visita de Patricia Barciela ao alumnado de 5º e 6º EP.





01/12/2023

VISITA DE PATRICIA BARCIELA

Co gallo da celebración do Mes da Ciencia en Galego tivemos unha visita moi especial: Patricia Barciela. Quen é Patricia? A directora da DOMUS en A Coruña, un dos tres museos científicos cos que conta a cidade herculina. 

Compartimos con vós unha pequena historia sobre como xurde esta visita... O curso pasado fixemos un taller de chapas na celebración do 11F, o Día da Muller e da Nena na Ciencia. Cada neno e nena investigou sobre unha muller científica, fixo unha ilustración e creou a súa propia chapa. Una nena de 5º EP, Yaiza, debuxou a Patricia e pareceunos bonito enviarlle o debuxo e a chapa, contándolle a actividade que realizaramos na escola. Semanas despois do envío recibimos a súa chamada de agradecemento e trasladounos o seu interese en vir, coñecer o cole e facer algo coa rapazada. Que ilusión! 

Debuxo de Patricia Barciela realizado por Yaiza


Este curso falamos, buscamos a data axeitada e compartiu ciencia con todo o alumnado de 5º e 6º de EP o xoves, 30 de novembro.

Patricia lucía orgullosa a súa chapa neste encontro, dando valor a algo que pode parecer pequeno pero que para nós foi importante. 

Só temos palabras de agradecemento para ela, por vir de xeito altruista e compartir unha mañá co alumnado e profesorado. 

Para rematar a xornada varias nenas de 6º de EP entrevistárona para Radio Buxaina. En breve poderedes escoitar a interesante charla que mantiveron. 






04/11/2023

MES DA CIENCIA EN GALEGO 2023: LIBROS, RETOS, EXPERIMENTOS E UNHA VISITA

 "A ciencia é un dos sabores do saber. Para degustala, é moi importante a nosa participación activa, e o grande activador é a curiosidade. Precisamos formular preguntas para saborear a ciencia e a lingua permítenos degustala, e tamén é a canle para contar e escoitar as respostas".

Elena Vázquez Cendón
 
Desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Elena Vázquez Cendón, doutora en matemáticas, Decana da Facultade de Matemáticas da USC, membro do Consello da Cultura Galega, presidenta do Estalmat-Galicia e Premio María Josefa Wonenburger no 2022.
 
O manifesto para este ano 2023, baixo o título "Sementeiras de curiosidade científica" abrirá moitas rutas de traballo e investigación coas que poder sementar e degustar a ciencia nas nosas bibliotecas escolares. Podes ler o manifesto completo premendo na seguinte imaxe.


Na biblioteca xa estamos a preparar diversas actividades vinculadas coa ciencia para realizar con todo o alumnado do centro. Para comezar repartimos polas aulas unhas caixas temáticas, con bibliografía científica variada para poder mirar e compartir na hora de ler. 





Ademais a partir do luns, día 6, cada día haberá un reto científico-matemático que resolver, para todos aqueles que visiten a biblioteca no tempo de recreo. Para as aulas de infantil e 1º de primaria haberá un reto por semana, que lles estará esperando na biblioteca cando acudan a facer o empréstito semanal. 


E queda moito máis, xa que nas aulas prepararemos uns experimentos para compartir con outros compañeiros e compañeiras, favorecendo así a realización de actividades internivelares. 
Ah! E estamos esperando unha visita sorpresa para aprendernos un montón de cousas sobre ciencia. Quen será? Premendo na imaxe resolveredes o misterio!







11/02/2023

11F: TALLER DE CHAPAS SOBRE MULLERES CIENTÍFICAS

Este ano estreamos máquina de facer chapas na nosa biblioteca e que mellor que facendo unha chapa dalgunha científica relevante. Unha actividade que aunou lectura, investigación, creatividade coa visibilización e recoñecemento a moitas mulleres que teñen ou tiveron un papel relevante no ámbito científico. 

Como moitas outras veces, comezamos facendo unha selección de libros para que o alumnado poida empregar como recurso, xunto coas pescudas na rede que tamén aportan moita información. 

Con eses libros fixemos tamén unha pequena exposición para uso de toda a comunidade educativa.



Nalgunhas clases escolleron unha muller científica sobre a que estudar, como no caso de Educación Infantil  no que o alumnado de 3, 4 e 5 anos investigaron sobre Jane Goodall, Antonia Ferrín e Ángeles Alvariño, respectivamente. 1º de primaria coñeceu a Fátima El Fihri, fundadora da primeira universidade do mundo e 2º de primaria tamén estudou á primeira astrónoma galega, Antonia Ferrín. 

Nas clases dos maiores cada neno e nena escolleu unha muller científica despois de ler información, debuxando aquela que lle resultou máis interesante. Debuxaron científicas máis coñecidas como Marie Curie e Margarita Salas pero tamén ferrolás como Rebeca Atencia, Ángeles Alvariño ou Ángela Ruiz-Robles (nada en León, pero que desenvolveu o seu traballo en Ferrol).

Todos os debuxos foron escaneados para poder preparar o deseño da chapa que, unha vez impresa, puideron facer na biblioteca ou na propia aula. 

Foi unha semana moi intensa de traballo pero o resultado pagou a pena, tanto pola ilusión da rapazada ao crear a súa propia chapa, como polo coñecemento acadado. 




11F: VISITA DE ANNE GOSSET E MARÍA JOSÉ ABAD

O día 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia e, na nosa escola, realizamos varias actividades para visibilizar o papel das mulleres na ciencia. 

O día 9, recibimos a visita de Anne Gosset e María José Abad. Ambas traballan no CITENI, Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais da Universidade de A Coruña. 

O alumnado de 5º e 6º de primaria compartíu con elas un tempo partillando sobre a súa propia experiencia como mulleres na ciencia. 













Arquivo do blog