11/02/2023

11F: TALLER DE CHAPAS SOBRE MULLERES CIENTÍFICAS

Este ano estreamos máquina de facer chapas na nosa biblioteca e que mellor que facendo unha chapa dalgunha científica relevante. Unha actividade que aunou lectura, investigación, creatividade coa visibilización e recoñecemento a moitas mulleres que teñen ou tiveron un papel relevante no ámbito científico. 

Como moitas outras veces, comezamos facendo unha selección de libros para que o alumnado poida empregar como recurso, xunto coas pescudas na rede que tamén aportan moita información. 

Con eses libros fixemos tamén unha pequena exposición para uso de toda a comunidade educativa.



Nalgunhas clases escolleron unha muller científica sobre a que estudar, como no caso de Educación Infantil  no que o alumnado de 3, 4 e 5 anos investigaron sobre Jane Goodall, Antonia Ferrín e Ángeles Alvariño, respectivamente. 1º de primaria coñeceu a Fátima El Fihri, fundadora da primeira universidade do mundo e 2º de primaria tamén estudou á primeira astrónoma galega, Antonia Ferrín. 

Nas clases dos maiores cada neno e nena escolleu unha muller científica despois de ler información, debuxando aquela que lle resultou máis interesante. Debuxaron científicas máis coñecidas como Marie Curie e Margarita Salas pero tamén ferrolás como Rebeca Atencia, Ángeles Alvariño ou Ángela Ruiz-Robles (nada en León, pero que desenvolveu o seu traballo en Ferrol).

Todos os debuxos foron escaneados para poder preparar o deseño da chapa que, unha vez impresa, puideron facer na biblioteca ou na propia aula. 

Foi unha semana moi intensa de traballo pero o resultado pagou a pena, tanto pola ilusión da rapazada ao crear a súa propia chapa, como polo coñecemento acadado. 




Ningún comentario:

Arquivo do blog