Amosando publicacións coa etiqueta igualdade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta igualdade. Amosar todas as publicacións

04/05/2026

ACTIVIDADES CON MATERIAIS DE POLOS CREATIVOS

Os nosos mestres Patricia e Manuel estiveron a preparar unha serie de actividades para aproveitar os recursos que temos na aula de Polos Creativos. 

Cada grupo subdividiuse para ocupar dous espazos diferentes: biblioteca e aula creativa. Mentres uns grupos xogaban e facían chapas con Ana, os outros aprendían a programar cos robots e, ao rematar, tocaba cambio. 

Para usar os robots cada grupo traballou unha ou dúas mulleres científica e así ían creando un recorrido co robot, salvando obstáculos, como moitas destas mulleres referentes: Wangari Maathai (política), Valentina Tereshkova (astronauta), Ada Lovelace (matemática), Francisca Nneka Okeke (física), Josefina Castellví (oceanógrafa), Kathrin Barboza (bióloga), Maria Sibylla (entomóloga), Mary Anning (paleontóloga), Francoise Barre Sinoussi (bioquímica), Jane Goodall (etóloga), Michiro Tsujimura (científica agrícola), Patricia Bath (oftalmóloga), Rachel Carson (bióloga), Rosalind Franklin (química) e Wang Zhenyi (científica).

No video veredes o ben que o pasamos! Moitas grazas a Patri, Manuel e Ana por organizar esta actividade :-)









05/03/2026

DÍA DA MULLER 2026

Novas caixas con moitos libriños enchen as aulas de todo o colexio de Esteiro, nesta ocasión libros sobre mulleres, igualdade, respecto, valores, referentes en diferentes campos...

Para preparar estas caixas contamos coa colaboración dos e das axudantes de biblioteca que se encargan de buscalos pola biblioteca, facer o préstamo a cada aula e repartilas polas mesmas. É unha tarefa que lles gusta e coa que aprenden moito sobre como localizar un libro na biblioteca atendendo ao tello (etiqueta) e á información que nel existe (tipoloxía de libro, autor e título).

Agora tócavos a vós, nenos e nenas do cole, ler, aprender e reflexionar coas lecturas...







06/03/2025

LECTURAS SELECCIONADAS PARA O 8M

O 8 de marzo como Día Internacional da Muller foi adoptado pola Asemblea Xeral da ONU en 1977, aínda que xa comezara a conmemorarse dous anos antes. A súa orixe radica nas manifestacións de mulleres, sobre todo en Europa, que a comezos do século XX reclamaban o dereito ao voto, mellores condicións laborais e a igualdade entre mulleres e homes. 

Temos un exemplo desas mobilizacións o 8 de marzo de 1917, cando as mulleres rusas fixeron folga, reclamando  "Pan e paz". Catro días despois, o zar viuse obrigado a abdicar e o goberno provisional concedeu ás mulleres o dereito de voto.



Poema visual do artista Clemente Padín (1980)

Desde a biblioteca dos tesouros fixemos unha selección de lecturas para que todos os nenos e nenas da escola poidan ler diferentes libros e contos para conmemorar o Día da Muller.

Nestas caixas nenos e nenas atoparán biografías de mulleres relevantes, contos populares reformulados, libros sobre heroínas, contos con personaxes femininos que viven a desigualdade e son quen de afrontala, en definitiva, historias que fan pensar e aprender e aprenden a pensar. 

Esperamos que resulten do voso interese!

  





10/02/2025

DÍA DA NENA NA CIENCIA

Xa están no corredor da biblioteca parte dos fondos relacionados con mulleres científicas a disposición de toda a comunidade educativa para conmemorar o Día da Nena na Ciencia






A Pescadora de Historias tamén ten unha selección de libros para os máis peques!


Ademais, nestas semanas teremos xogos na biblio do proxecto POLOS CREATIVOS no que participa o noso centro. Deste xeito nenos e nenas poderán experimentar e crear no tempo de lecer. Nos enlaces poderedes ver os aspectos que favorecen este tipo de xogos como creatividade, pensamento lóxico, resolución de problemas ou pensamento computacional. 

Animádevos a vir!


KAPLA



KORBO




24/11/2024

LIBROS E XOGOS PARA LOITAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O calendario está cheo de datas sinaladas e, ás veces, non nos decatamos da relevancia de reflexionar sobre a importancia e o porque das mesmas. 

A loita contra a violencia, sexa da natureza que sexa, ten que ser transversal, desde todos os ámbitos,  incluída a escola. E, no caso da violencia contra as mulleres é moi importante concienciar desde ben pequenos para que os nenos e nenas de hoxe sexan, no futuro, uns homes e mulleres de paz. 

Unha maneira de aprender, reflexionar e tomar conciencia pode ser a través da literatura e da didáctica dos xogos, así que poñemos nun lugar visible no corredor todos os recursos da biblioteca dos tesouros, para que todos os que conformades a comunidade educativa podades dispoñer deles. 






Como recomendación, este curso incorporamos algúns novos libros como "Soy solo mía", "Marta ya no da besos" e "Armando no estarás llorando" axeitados para ler durante todo o ano, pero de especial axuda nestas datas. Deixamos a continuación algún videoconto destes títulos, pero se preferides lelo en papel non dubidedes en acudir á nosa biblio. 


22/03/2024

CONTACONTOS SOBRE IGUALDADE

Ao longo do 2º trimestre contamos na biblioteca coa axuda de varios nenos e nenas de 5º e 6º de primaria. As súas funcións son colocar os libros nos estantes, ordealos se é necesario, realizar os empréstitos e devolucións no ordenador, repartir as lecturas polas aulas... E tamén procuramos que poidan preparar algún tipo de actividade para outros cursos. Desta vez, prepararon unhas lecturas sobre igualdade, para o resto dos cursos de infantil e primaria. Os libros escollidos foron: 

4º EI: Os Bolechas xogan ás casiñas

5º EI: Rosa Caramelo

6º EI: A princesa Sabela

1º/3º EP: Unha feliz catástrofe

2º EP: Teresa no quiere ser princesa

4º EP: Blancanieves

Durante varias sesións xuntáronse na biblioteca, practicaron a lectura, prepararon algunha actividade ou pregunta...


A nenos e nenas do colexio sempre lles gusta xuntarse con outros máis pequenos para facer actividades, así que o importante é o encontro, o tempo compartido e o esforzo realizado. 

No video veredes unha pequena mostra desta actividade. Grazas a alumnado e profesorado por facelo posible!




06/03/2024

8 de marzo: Día Internacional da Muller

Para conmemorar o Día Internacional da Muller xa temos publicada a entrevista que o alumnado de 6º de primaria lle fixo a Patricia Barciela, directora da DOMUS, museo interactivo do ser humano situado na Coruña. Preme na imaxe de Patricia para recordar a súa visita á escola e, se premes na imaxe da radio, poderás escoitar a entrevista. 

 


E, como ven sendo habitual, o alumnado e profesorado da escola ten a súa disposición lecturas sobre igualdade para abordar nas aulas a conmemoración do Día Internacional da Muller.






As caixas conteñen bibliografía variada: narrativa, biografías, revisións de contos populares...
Se tedes interese en ter algún na casa, podedes consultar a nosa lista de libros sobre igualdade no seguinte enlace e solicitalo por medio dos nenos e nenas, ou acudir vós mesmos á biblioteca en horario de tarde. Animádevos!


24/11/2023

25 N: DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

O equipo de biblioteca realizou unha selección de lecturas para nenos, nenas, profesorado e familias, co fin de axudar a abordar, na escola e nos fogares, a temática da violencia contra as mulleres e as súas consecuencias. 

Son lecturas das que podemos dispoñer durante todo o ano, pero que nestas datas facemos máis accesibles para facilitar a súa localización e emprego.

Esperamos que sexa do voso interese.






04/03/2023

LECTURAS PARA O 8 DE MARZO

Nas aulas da escola xa contan cunha selección de lecturas relacionadas coa commemoración do Día da Muller, que se celebra o 8 de marzo. 

Caixas 8 M educación infantil

Caixas 8M para 1º, 2º, 3º, e 4º de primaria


Caixas para 5º e 6º de primaria


Todas estas lecturas aparecen no catálogo da nosa biblioteca, no apartado de listas. Podedes consultar sempre que queirades o catálogo para saber se dispoñemos dalgún libro ou xogo que vos interese, pero tamén podedes botar un ollo no apartado de listas, onde -de momento- temos unha listaxe de libros sobre a paz e outro sobre libros para o 8 M. E se vos interesa algún para ler na casa, pasade pola biblioteca de 16.00 a 17.30 (agás os martes).

Nas seguintes imaxes podedes ver onde atopalas unha vez dentro do catálogo e premendo no enlace accederedes ao mesmo: 








25/11/2022

25 DE NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Para conmemorar o Día Internacional en contra da Violencia de Xénero, puxemos á disposición de profesorado, alumnado e familias unha serie de recursos. Esperamos que sexan de proveito!






Ademais compartimos con vós un recurso online, o libro "Os bolechas pola igualdade". No seguinte enlace poderedes ler o conto e acceder aos materiais complementarios, que tamén será utilizado nestas datas polos máis peques de primaria.











Arquivo do blog