21/06/2026
RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN 2026
21/05/2026
PRÉSTAMOS SORPRESA 2026
Celebramos o remate dos empréstitos na biblioteca, no curso 25-26, facendo unha actividade moi especial: os préstamos sorpresa!
Para facer da nosa biblio un espazo cada vez máis sostible, os libros e contos ían envoltos en papel de xornais. Dentro do paquete historias divertidas, interesantes, informativas... moitas delas seleccionadas polos axudantes da Pescadora e, como non, envoltos por eles mesmos.
15/05/2026
APADRIÑAMENTOS LECTORES 2026: A CLASE DE 3 ANOS COÑECE AOS SEUS PADRIÑOS/ MADRIÑAS
Esta semana os máis peques da escola coñeceron por fin aos seus padriños e madriñas lectores e non sabemos quen estaba máis nervioso! Había moita ilusión e gañas de coñecerse, así que que mellor que compartir un ratiño na biblioteca, lendo, xogando, pintando... No video veredes o ben que o pasaron :-)
06/05/2026
VISITA Á BIBLIOTECA DE NARÓN
O martes, 5 de maio, os nenos e nenas participantes no Club de Lectura visitaron a biblioteca de Narón, para coñecer ás súas instalacións e aprender sobre o funcionamento dunha biblioteca.
A encargada da visita foi Fátima, que os acompañou ao longo de todas as seccións e espazos: entrada e novidades, lecturas xuveniles, espazo de lectura e consulta, depósito, literatura infantil, club de lectura...
Ao chegar tiñan unha selección de libros acordes aos seus gustos, xa que previamente cubriron unha enquisa sobre aquelo que máis lles interesaba.
Algunhas cousas que explicaron eran moi similares ás que acontecen na biblioteca da escola e contestaron ás preguntas que fixo Fátima con bastante acerto.
24/04/2026
DÍA DO LIBRO 2026
19/04/2026
VISITA DE MARÍA CANOSA
O 8 de abril os nenos e nenas de 6º de primaria recibiron a visita de María Canosa. María é escritora de literatura infantil e xuvenil, aínda que tamén realiza actividades noutros campos, como prensa e radio, así como televisión.
Na biblio contamos cunha morea de libros escritos por ela, non sí libros de ficción senón tamén biografías, libros informativos...
Na escola limos o libro "Muriel", galardoado co Premio Merlín no ano 2017. Este libro ten unha segunda parte coa que tamén contamos na biblioteca dos tesouros: "Muriel, caos no laboratorio".
09/04/2026
NOVO ESPAZO: LIBROS CORPO, CAMBIOS E CONSENTIMENTO
O curso pasado mercamos varios libros sobre o corpo, os cambios que nel se producen a medida que nenos e nenas van medrando...
Agora, creamos un espazo especial para esta bibliografía, tanto para que nenos e nenas maiores poidan consultalos na Hora de Ler ou na clase de ciencias, como que o profesorado e familias teñan mellor acceso a estes fondos e, tamén, para promover o préstamo atendendo ás idades do alumnado.
Como en moitos outros casos, estes libros e contos é aconsellable lelos acompañados dun adulto, tanto na casa como na escola, por iso acompañamos esta exposición de carteis coas idades recomendadas segundo o contido dos mesmos.
08/04/2026
NOVIDADES 3º TRIMESTRE 25-26
A Pescadora de Historias sempre ten novidades cando comeza un trimestre, así que xa tedes á vosa disposición unha morea de libros, contos e xogos :-)
Sempre temos en conta a caixa de correo onde escribides as vosas suxestións, e mercamos o xogo "Virus", máis libros de "Diario de Greg" e de "Harry Potter". As vosas ideas axudan a mellorar a colección que existe na biblioteca dos tesouros. Grazas!
25/03/2026
BOLSAS DOS TESOUROS 2º TRIMESTRE 25-26
Cando remata un trimestre, a Pescadora de Historias procura expoñer unha mostra variada de debuxos e comentarios que incluídes no caderno que acompaña ás bolsas dos tesouros.
Sempre nos sorprendedes coa vosa creatividade e esforzo ademais de animarnos a seguir con esta actividade de dinamización da lectura.
Grazas a todos os nenos e nenas da escola pola súa participación e, por suposto, ás familias, que moitas veces colaborades e axudades para que poidan ler, debuxar ou escribir.
Á volta das vacacións chegarán máis tesouros da nosa biblio ás vosas casas!
18/03/2026
COUSAS QUE NON SE VEN
Parte das tarefas que se realizan na biblioteca non son visibles aos ollos dos demais, son traballos de organización, xestión, ordenación, revisión... que son tan necesarios e importantes como outras actividades da biblioteca.
Imos facer visible unha delas relacionada, neste caso, co Club de Lectura, que é o préstamo intercentros que realizamos ao longo do curso. Os libros da biblioteca dos tesouros non só os len os nenos e nenas do cole de Esteiro, senón que tamén serven para que outros coles realicen actividades de lectura.
Neste curso levamos feitos varios, algúns moi pretiño e outros un pouco máis lonxe. Por exemplo, todos os nosos exemplares de "Manolito Gafotas" viaxaron ata Cangas do Morrazo e, de paso, acompañámolos dunhas chapas da Pescadora e do Museo do Xogo Popular, para que todo o mundo o coñeza.
De volta, libros coidados e disfrutados por unha morea de pequenos e pequenas xunto cunha cartiña de agradecemento.
06/03/2026
TRAVESÍA UNICORNIO NO CLUB DE LECTURA
Despois de varias lecturas, os nenos e nenas integrantes do Club de Lectura animáronse a ler un libro de teatro, en concreto, "Travesía Unicornio" escrito por María Canosa e obra gañadora do premio "Anisia Miranda" de teatro infantil.
Ler teatro non é doado, estamos máis afeitos a ver unha obra de teatro, ver os personaxes en movemento, interpretando o texto. Así que foi un reto para o Club pero parece que foi unha proba superada :)
"Travesía Unicornio" fala de diversidade, de liberdade, de respecto polos outros, polas diferenzas... acaso no todos e todas temos diferenzas respecto a outros?
Como actividade conxunta representaron esa diversidade e mestura nun creativo mural que podedes ver no seguinte video ou no corredor da biblioteca, se preferides velo en "directo".
05/03/2026
DÍA DA MULLER 2026
Novas caixas con moitos libriños enchen as aulas de todo o colexio de Esteiro, nesta ocasión libros sobre mulleres, igualdade, respecto, valores, referentes en diferentes campos...
Para preparar estas caixas contamos coa colaboración dos e das axudantes de biblioteca que se encargan de buscalos pola biblioteca, facer o préstamo a cada aula e repartilas polas mesmas. É unha tarefa que lles gusta e coa que aprenden moito sobre como localizar un libro na biblioteca atendendo ao tello (etiqueta) e á información que nel existe (tipoloxía de libro, autor e título).
Agora tócavos a vós, nenos e nenas do cole, ler, aprender e reflexionar coas lecturas...
16/01/2026
TEMPO DE LECER, TEMPO DE LER E MOITO MÁIS...
Á volta de Nadal moitos nenos e nenas estaban desexando poder voltar á biblio no tempo de recreo.
Algúns prefiren xogar a xogos de mesa, outros a LEGO, moitos e moitas queren debuxar, as marionetas tamén son das preferidas e, como non, os e as axudantes organizando, buscando libros, colocando e xestionando os préstamos.
Este día abrimos un buratiño para poder ver todo o que acontece na biblio cando éstá aberta ao público :-)
08/01/2026
NOVIDADES 2º TRIMESTRE 25-26
O 2º trimestre ven cargadiño de novidades! Pasade pola biblio no tempo de recreo para mirar e escoller a que máis vos guste.
19/12/2025
CONTACONTOS DE NADAL 2025
Os nenos e nenas de 5º de primaria prepararon unhas lecturas para celebrar a chegada do Nadal. Repartíronse en grupos de cinco, grupos comandados polos axudantes da biblioteca deste 1º trimestre, que xa rematan o seu traballo na biblioteca.
As lecturas foron para os cursos de infantil e 1º e 2º de primaria e, nalgúns casos, incluíron actividades posteriores preparadas polo propio alumnado.
13/12/2025
RECOMENDACIÓNS LECTORAS NADAL 2025
Tempo de Nadal, tempo de lecturas, de reencontros, de agasallos... tempo no que as lecturas están presentes en diferentes formas e formatos.
Ofrecémosvos unhas propostas para estas datas, esperando que vos resulten interesantes. Premendo na portada poderás ver as recomendacións máis polo miúdo :-)
05/12/2025
27/10/2025
POR FIN...SAMAÍN!
A biblioteca dos tesouros xa está decorada polo Samaín e, nela, poderás atopar unha chea de lecturas para estes días. Historias de medo, de cabazas, de pantasmas, meigas... e ata da orixe desta festa.
Anímate a pasar estes días pola biblioteca no tempo de lecer!
02/06/2025
APADRIÑAMENTOS LECTORES MAIO 2025
A finais de maio organizamos un novo encontro dos padriños e madriñas lectores cos seus afillados e afilladas.
As lecturas foron ao aire libre aproveitando o bo tempo e todos e todas recibiron un pequeno agasallo.
Os peques de infantil unha chapa da Pescadora de Historias, unha pegatina e unha ra saltarina, os maiores de primaria un debuxo realizado polos seus afillados e afilladas.
Ademais os nenos e nenas de 5 anos xunto co alumnado de 6º EP recibiron un diploma como recordo de esta actividade que remata para eles.
Grazas por compartir lecturas e crear un bonito vínculo durante este curso :-)
18/05/2025
PRÉSTAMOS SORPRESA
A semana do 19 ao 23 de maio teremos na biblioteca os préstamos sorpresa. Esta actividade serve para dinamizar o empréstito no recreo no 3º trimestre, onde sempre diminúen as visitas á biblioteca no tempo de lecer. O ano pasado tiveron moito éxito, así que repetimos!
Temos que agradecer aos axudantes de biblioteca o seu traballo, xa que estiveron envolvendo libros durante varios días, preparando esta actividade con moita ilusión.
Esperámosvos a todos e todas!


















































