Amosando publicacións coa etiqueta ilustradores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ilustradores. Amosar todas as publicacións

16/10/2026

Recomendacións BIBLIOGRÁFICAS

 


A GRAN FAMILIA

FIGURAS CLAVE DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

 

Presentamos aquí a obra de Tomás Cuesta, co que tivemos o pracer de compartir maxisterio ao longo do pasado curso escolar.

 

Trátase dunha obra singular na que o autor nos mergulla no mundo da musica tradicional galega nas súas distintas vertentes. Tradición e innovación danse a man para presentarnos unha manchea de personaxes que aportaron ese carácter vivo que ten a nosa tradición musical.

 

Mestúranse aquí persoas que aportaron o seu gran de area a esa longa tradición musical que, como a nosa lingua, mantivo a súa esencia polo desprezo que cara a ela tiveron en época contemporánea as elites socio-económicas galegas. Isto fixo que o folclore en estado puro chegase á época dos gramófonos, das cintas de casete, o vídeo e os distintos formatos dixitais aínda cos rescaldos dun folclore vivo, folclore que sobreviviu á marxe das institucións da época.

 

É certo que non están todos os que foron pero si que vemos retratados neles a centos de músicos populares, homes e mulleres, que encheron de melodías a nosa tradición musical ao longo das terras galegas. Con esa bagaxe, hoxe achegámonos con ilusión á lectura deste libro. 

 

Non podemos pasar por alto o gran valor plástico que ten o libro... Presente xa nas súas capas cunha estética moi agradable. A calidade das ilustracións e o tratamento da cor amosan o carácter innovador da obra que parece xunguida a esas imaxes fotográficas e ilustracións en branco e negro que moitos tiñamos no noso imaxinario; pasado e presente novamente á par.

 

Unha obra divulgativa necesaria para todas as persoas que queren introducirse na esencia da rica tradición musical galega. 

 

Perfecto Feijoo sentiríase orgulloso por esta dignificación e conservación da nosa identidade cultural. Dignificación iniciada por el coa fundación do coro Aires d´a Terra, chegando ata os nosos tempos con forza.

 

Dignificación presente en tantas figuras individuais, pero tamén en tantas asociacións, grupos folclóricos, grupos e interpretes actuais que unen tradición e modernidade... Na liña da cita, de Gustav Mahler, que fai o propio autor, poderiamos dicir que na nosa terra... Seguimos a transmitir lume!

 

Isto é o que fai que o noso folclore siga vivo, a pesar de moitos atrancos ao longo dos tempos, mantemos a nosa tradición viva.

 

Felicitar ao autor por esta idea e a Xerais por apostar por esta obra tan orixinal. Salientar que no libro temos un código QR que nos traslada ata unha recompilación de audios e vídeos dispoñibles na rede e que ademais o libro está prologado por Pilar García Rego.


24/10/2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Esta semana tivemos unha visita moi especial para conmemorar o Día das Bibliotecas Escolares. Compartimos un ratiño con Natalia de la Peña, bibliotecaria e nai dunha compañeira da escola. 

A visita estivo organizada en varias quendas, unha para os nenos e nenas de Educación Infantil, outra para 1º, 2º e 3º de primaria e finalmente tempo para o alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria.

Ademais, ao longo destes días, os nenos e nenas da escola tiveron oportunidade de converterse en escritoras, ilustradores, editores e editoras dos seus propios libros e contos. Con todos eles preparamos unha exposición que poderedes desfrutar na entrada do colexio. Aínda quedan algúns por rematar e, en breve, todos formarán parte do catálogo da nosa biblioteca, para uso e desfrute de toda a comunidade educativa.





A continuación tedes un video onde veredes máis fotos destas actividades. Agradecemos a todos os nenos e nenas da escola a súa participación e, en especial, a Natalia por compartir o seu tempo con nós.








10/05/2025

VISITA DE ESTEFANÍA PADULLÉS

O día 6 de maio tivemos a visita de Estefanía Padullés, ilustradora e escritora, que veu para presentarnos os seus álbums ilustrados "Leopoldo, o pequeno monstro" e "A machas ou a raias?". 

   

Ambos libros están na biblioteca dos tesouros, xunto con moitos outros ilustrados e/ou escritos por Estefanía. 


Neste encontro partiparon todos os nenos e nenas de educación infantil e, nunha segunda quenda, o alumnado de 1º e 2º de primaria. 
Estefanía foi contando as historias á vez que ía debuxando aos personaxes, convidándonos a reflexionar sobre as diferenzas, a autoestima, as diferentes capacidades e o respecto polos outros.


 




Unha visita moi especial e diferente :-)

Esperamos contar de novo contigo na biblioteca cos tesouros!










27/03/2025

27 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DO TEATRO

O mes de marzo é un mes onde coinciden unha morea de commemoracións importantes para unha biblioteca escolar: 

  • 2º semana de marzo: Semana da Prensa
  • 17 de marzo: Día do Cómic e do Tebeo
  • 20 de marzo: Día da Narración Oral
  • 21 de marzo: Día da Poesía e Día da Marioneta
  • 27 de marzo: Día Mundial do Teatro
Este ano centrámonos no Día Mundial do Teatro por ser a temática escollida pola Asesoría de Bibliotecas Escolares como lema do curso 24-25. Coa lenda "Biblioteca escolar, a escena!" a ilustradora Xoana Almar representa unha obra de teatro do poema de Xohana Torres "Eu tamén navegar". Premendo na imaxe poderás descargar o cartaz e ler unha información máis completa sobre o mesmo.


No corredor da escola temos unha pequena exposición de materiais, seleccionados e colocados polos axudantes de biblioteca. Unha morea de libros e marionetas para ler, xogar e interpretar, a disposición de nenos e nenas da escola, 








Longa vida ao teatro!






20/04/2022

Lecturas recomendadas de 2º de primaria do segundo trimestre

Nenos e nenas de 2º de primaria seguen lendo un montón e compartindo con todo nós as lecturas máis amenas e interesantes. Podedes ver o documento premendo no enlace.

 Esperamos as próximas lecturas!

https://issuu.com/mapopi/docs/lecturas_compartidas_2_trimestre 


 

23/04/2020

ACHEGAS PARA O DÍA DO LIBRO

PROPOSTAS RECIBIDAS POLA ASESORÍA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES PARA A CONMEMORACIÓN DUN DÍA TAN ESPECIAL COMO É O DÍA DO LIBRO



17/10/2019

CLUB DE LECTURA


O CLUB DE LECTURA ABRE AS SÚAS PORTAS ESTE ANO CO ALUMNADO DE 6º EP

 

O Obxectivo do club enmárcase na idea de compartir as nosas impresións, sensacións, opinións... sobre diversas lecturas, outro obxectivo é introducir distintos autores e autoras dos que xa podemos considerar imprescindibles na nosa equipaxe cultural, potenciar a lectura en galego e, como non, ocupar o noso tempo de lecer coa literatura; porta de infinidade de itinerarios abertos á nosa imaxinación.

Iniciamos a sesión creando historias co xogo de mesa "Rory's Story Cubes" Accións.


Despois eliximos a nosa primeira lectura para este mes: RAPAZAS de Agustín Fernández Paz con Ilustracións de Miguelanxo Prado

 


 

18/10/2014

Esperando a visita de Leandro Lamas


http://leandrolamas.blogspot.com.es/

Pronto  teremos  con  nos  a  un dos  nosos  ilustradores  preferidos, referímonos a Leandro Lamas. Pero se xa queredes gozar coas súas ilustracións, premede aquí.

05/04/2013

Como Xan López Domínguez ilustrou: "Me llamaba Simbad"



Así traballa un ilustrador. Noraboa, Xan!

Arquivo do blog