A GRAN FAMILIA
FIGURAS CLAVE DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA
Presentamos aquí a obra de Tomás Cuesta, co que tivemos o pracer de compartir maxisterio ao longo do pasado curso escolar.
Trátase dunha obra singular na que o autor nos mergulla no mundo da musica tradicional galega nas súas distintas vertentes. Tradición e innovación danse a man para presentarnos unha manchea de personaxes que aportaron ese carácter vivo que ten a nosa tradición musical.
Mestúranse aquí persoas que aportaron o seu gran de area a esa longa tradición musical que, como a nosa lingua, mantivo a súa esencia polo desprezo que cara a ela tiveron en época contemporánea as elites socio-económicas galegas. Isto fixo que o folclore en estado puro chegase á época dos gramófonos, das cintas de casete, o vídeo e os distintos formatos dixitais aínda cos rescaldos dun folclore vivo, folclore que sobreviviu á marxe das institucións da época.
É certo que non están todos os que foron pero si que vemos retratados neles a centos de músicos populares, homes e mulleres, que encheron de melodías a nosa tradición musical ao longo das terras galegas. Con esa bagaxe, hoxe achegámonos con ilusión á lectura deste libro.
Non podemos pasar por alto o gran valor plástico que ten o libro... Presente xa nas súas capas cunha estética moi agradable. A calidade das ilustracións e o tratamento da cor amosan o carácter innovador da obra que parece xunguida a esas imaxes fotográficas e ilustracións en branco e negro que moitos tiñamos no noso imaxinario; pasado e presente novamente á par.
Unha obra divulgativa necesaria para todas as persoas que queren introducirse na esencia da rica tradición musical galega.
Perfecto Feijoo sentiríase orgulloso por esta dignificación e conservación da nosa identidade cultural. Dignificación iniciada por el coa fundación do coro Aires d´a Terra, chegando ata os nosos tempos con forza.
Dignificación presente en tantas figuras individuais, pero tamén en tantas asociacións, grupos folclóricos, grupos e interpretes actuais que unen tradición e modernidade... Na liña da cita, de Gustav Mahler, que fai o propio autor, poderiamos dicir que na nosa terra... Seguimos a transmitir lume!
Isto é o que fai que o noso folclore siga vivo, a pesar de moitos atrancos ao longo dos tempos, mantemos a nosa tradición viva.
Felicitar ao autor por esta idea e a Xerais por apostar por esta obra tan orixinal. Salientar que no libro temos un código QR que nos traslada ata unha recompilación de audios e vídeos dispoñibles na rede e que ademais o libro está prologado por Pilar García Rego.

Ningún comentario:
Publicar un comentario