Co gallo da celebración do Mes da Ciencia en Galego tivemos unha visita moi especial: Patricia Barciela. Quen é Patricia? A directora da DOMUS en A Coruña, un dos tres museos científicos cos que conta a cidade herculina.
Compartimos con vós unha pequena historia sobre como xurde esta visita... O curso pasado fixemos un taller de chapas na celebración do 11F, o Día da Muller e da Nena na Ciencia. Cada neno e nena investigou sobre unha muller científica, fixo unha ilustración e creou a súa propia chapa. Una nena de 5º EP, Yaiza, debuxou a Patricia e pareceunos bonito enviarlle o debuxo e a chapa, contándolle a actividade que realizaramos na escola. Semanas despois do envío recibimos a súa chamada de agradecemento e trasladounos o seu interese en vir, coñecer o cole e facer algo coa rapazada. Que ilusión!
Este curso falamos, buscamos a data axeitada e compartiu ciencia con todo o alumnado de 5º e 6º de EP o xoves, 30 de novembro.
Patricia lucía orgullosa a súa chapa neste encontro, dando valor a algo que pode parecer pequeno pero que para nós foi importante.
Só temos palabras de agradecemento para ela, por vir de xeito altruista e compartir unha mañá co alumnado e profesorado.
Para rematar a xornada varias nenas de 6º de EP entrevistárona para Radio Buxaina. En breve poderedes escoitar a interesante charla que mantiveron.
Ningún comentario:
Publicar un comentario