"A ciencia é un dos sabores do saber. Para degustala, é moi importante a nosa participación activa, e o grande activador é a curiosidade. Precisamos formular preguntas para saborear a ciencia e a lingua permítenos degustala, e tamén é a canle para contar e escoitar as respostas".
Elena Vázquez Cendón
Desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Elena Vázquez Cendón, doutora en matemáticas, Decana da Facultade de Matemáticas da USC, membro do Consello da Cultura Galega, presidenta do Estalmat-Galicia e Premio María Josefa Wonenburger no 2022.
O manifesto para este ano 2023, baixo o título "Sementeiras de curiosidade científica" abrirá moitas rutas de traballo e investigación coas que poder sementar e degustar a ciencia nas nosas bibliotecas escolares. Podes ler o manifesto completo premendo na seguinte imaxe.
Na biblioteca xa estamos a preparar diversas actividades vinculadas coa ciencia para realizar con todo o alumnado do centro. Para comezar repartimos polas aulas unhas caixas temáticas, con bibliografía científica variada para poder mirar e compartir na hora de ler.
Ademais a partir do luns, día 6, cada día haberá un reto científico-matemático que resolver, para todos aqueles que visiten a biblioteca no tempo de recreo. Para as aulas de infantil e 1º de primaria haberá un reto por semana, que lles estará esperando na biblioteca cando acudan a facer o empréstito semanal.
E queda moito máis, xa que nas aulas prepararemos uns experimentos para compartir con outros compañeiros e compañeiras, favorecendo así a realización de actividades internivelares.
Ah! E estamos esperando unha visita sorpresa para aprendernos un montón de cousas sobre ciencia. Quen será? Premendo na imaxe resolveredes o misterio!
Ningún comentario:
Publicar un comentario