O pensamento, a ciencia ou as ciencias, as letras, a filosofía ficaron e ficarán sempre ligadas..., quizais se botásemos unha ollada atrás e tentásemos buscar parecido entre pasado e futuro veriamos moito da metafísica pasada na física actual.
O pensamento científico avanza, as tecnoloxías mudan, ás veces nas nosas análises esquecemos a moitos homes e mulleres que foron andando o camiño que nos trouxo ata este punto. Por iso traemos esta lectura aquí, recomendada fundamentalmente para os adultos e xoves con inquedanzas científico literarias. Hoxe trátase dun libro de Marcos Calveiro que rescata a través da novela a un personaxe que dedicou a súa vida á ciencia: Domingo Fontán.
Fontán
Marcos Calveiro
IX Premio de Narrativa Breve Repsol 2015
Esta novela conta a vida de Domingo Fontán. Desde o seu nacemento en Porta do Conde (Portas 1788) aos seus días finais no balneario de Cuntis (1866). A vida do neno que xogaba nun fragueiro a carón da casa dos pais, a do deputado en Cortes e a do estudante en Compostela, o do liberal represaliado e a do científico atento ás ideas máis adiantadas do seu tempo. A vida do ilustrado, matemático e topógrafo, que elaborou o primeiro mapa científico de Galicia. A peripecia dun liberal galego que loitou polo progreso durante un tempo convulso no que a ciencia comezaba a abrirse camiño pouco a pouco. Marcos Calveiro consegue un equilibrio perfecto entre a recreación histórica e o retrato dunha peronalidade extraordinaria. Velaquí unha novela que transmite a mesma paixón polo coñecemento e pola liberdade que move ao seu protagonista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario