Coincidindo coa entrada do outono abrimos a biblioteca
Pensamos que sería divertido iniciar a actividade na nosa biblioteca coa entrada na nova estación. Segundo informa o Instituto Xeográfico Nacional o outono comezará o 23 de setembro ás 9 horas 50 minutos hora oficial peninsular. Segundo Cálculos do Observatorio Astronómico nacional. Esta estación durará 89 días e 20 horas e rematará o 22 de decembro co comezo do inverno. Durante todo o outono Marte será visible ao mencer. Tras o solpor veranse Venus, Saturno e Xúpiter. Para maior información sobre os fenómenos astronómicos do ano pódese consultar o Anuario Astronómico, libro que anualmente publica o Instituto Xeográfico Nacional.
Os nosos axudantes de sexto xa iniciaron hoxe no recreo a actividade dentro da biblioteca escolar. Pasando á primeira liña de traballo xa que a semana pasada foron as titoras e titores os encargados do préstamo. Dende hoxe a actividade pasa a ser da maneira habitual de xeito que o alumnado xa pode pasar todos os días pola biblioteca para cambiar os seus libros de lectura así como para gozar dos novos espazos LEGO habilitados o pasado curso escolar e durante as vacacións. A nosa Pescadora de historias non cabe en si de gozo vendo tanta rapazada a buscar libros.
As raíces do outono foron sempre inspiración poética para moitos galegos e galegas amantes da súa terra, aquí temos un claro exemplo:
Veleiquí, Outono, grande e puro,
vestindo ao mundo de dourado,
con saibo a mosto fermentado,
a mazá, a sal, a grao maduro.
Veleiquí Outono, nel procuro
o rumor do vento namorado,
o laio do mar ben concertado
e o claro misterio máis escuro.
Veleiquí Outono, fosco e ledo,
con brasas secretas, soedosas,
acesas nas brétemas do medo.
Veleiquí Outono, xa sen rosas,
sementando mágoas misteriosas
no meu corazón ceibe e acedo.
MANUEL MARÍA "Poemas ao Outono".
Agrupación Cultural
Lóstrego de Madrid
e Edicións Xistral. 1977
Ningún comentario:
Publicar un comentario