25/11/2021

25N

 

 Día Internacional contra a violencia de xénero

    Desde a biblioteca sumámonos a loita contra a violencia de xénero, unha lacra que segue a formar parte da nosa realidade. 

    Sendo conscientes da necesidade de lograr unha igualdade real  en todas as esferas da vida hoxe cómpre seguir traballando por lograr esa sensibilización das novas xeracións ante un problema que permaneceu oculto durante moitos anos, mentres a inmensa maioría miraba cara outro lado. Son tempos de posicionarse e seguir loitando por esa igualdade que, en pleno século XXI, se lle está negando a moitas mulleres, polo dereito á vida que tamén se lle nega a moitas mulleres. Todo por unha inercia social ancorada en paradigmas do pasado. Debemos seguir loitando para que finalmente desapareza esta lacra. A escola e o profesorado non pode ser alleo a este movemento de cambio pero non é tarefa única do profesorado, as familias deben contribuir tamén a este cambio. Non abonda coas institucións para darlle un xiro a esta situación. Cómpre que a sociedade no seu conxunto tome conciencia. É necesario facer visibles esas novas masculinidades tan afastadas das condutas machistas que o único que pretenden é rebaixar a dignidade das mulleres, polo feito de seren mulleres e facelo especialmente agora que vemos como rexurden  entre os máis novos actitudes moi machistas que xa pensabamos superadas.

En 1993 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller, na que se definiu a "violencia contra a muller" como

Todo acto de violencia baseado no xénero que ten como resultado posible ou real un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas, a coerción ou a prohibición arbitraria da liberdade, xa sexa que ocorra na vida pública ou na vida privada.

Na devandita Asemblea recoñeceuse que eran necesarios "unha clara declaración dos dereitos que se deben aplicar para asegurar a eliminación de toda violencia contra a muller en todas as súas formas, e un compromiso dos Estados e da comunidade internacional en xeral para eliminar a violencia contra a muller."[1]

O 17 de decembro de 1999, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 25 de novembro coma o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A ONU invitou os gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a organizar actividades dirixidas a sensibilizar o público respecto do problema neste día coma unha celebración internacional. 

Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/D%C3%ADa_Internacional_para_a_Eliminaci%C3%B3n_da_Violencia_contra_a_Muller





 

Ningún comentario:

Arquivo do blog