Os nenos e nenas participantes no Club de Lectura realizaron un roteiro literario en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero.
Partido da casa natal de Ricardo, paseamos pola Praza Vella onde xogaba na súa infancia, reflectida nos seus relatos O lar de Clara, Os tumbos, As pitas baixo a chúvia e na novela Scórpio.
Detivémonos diante da placa de Manuel Comellas, director do "Sagrado Corazón de Xesús", onde Ricardo cursou o bacharelato.
Visitamos o edificio "Sprinfield", que tempo atrás albergou o "Centro Obrero de Cultura" , lugar onde estaba a biblioteca municipal e espazo de encontro de persoeiros como Castelao ou Otero Pedrayo.
Paramos no Concello de Ferrol, do que Carvalho Calero foi nomeado fillo predilecto. Rematamos o roteiro no teatro Jofre, lugar onde se representaron algunha das súas obras, facendo referencia á súa etapa director do Colexio Fingoi, en Lugo, organizando veladas teatrais na que se representaban as súas obras.
Este ano, como novidade, convidamos ao alumnado de 5º de primaria que quixera a participar como público, moitas grazas aos que vos animáchedes a vir :-)
Para rematar, reproducimos un poema de Carvalho Calero dedicado a Ferrol, lectura realizada no roteiro.
Cruzando a ria
pola ponte das Pias,
se os obreiros de Astano
nom cortarom o tráfico,
entrarei em Ferrol, a minha terra.
Se o cortarom, daquela,
hei tomar o caminho antergo,
e passar por Narom, pé do mosteiro
de Sam Martinho,
polos eidos de Esquio.
De um jeito ou outro,
hei de entrar no meu povo,
para ver se tropeço
nunha rua qualquer de Ferrol Velho
- será a de Sam Francisco, a do Socorro?-
com o neno que fum e que foi outro;
aquel que fum e que nom fum entom,
quando eu nom era o velho que hoje som.
Reticências (1986-1989) (Santiago: Sotelo Blanco), 1990.
Ningún comentario:
Publicar un comentario