Os nosos clubs de lectura, "Os cazadores de tesouros" e "Os cazalibros", realizaron a súa primeira actividade conxunta; e que mellor que visitar unha biblioteca próxima, neste caso á Biblioteca Pública Municipal de Narón.
Unha vez alí explicáronnos como estaba organizada a biblioteca, a zona de novidades, a de narrativa, a de libros informativos...
Visitamos outros lugares, como a bebeteca, espazo para os nenos e nenas máis pequenos ou a sala de reunións, como por exemplo o club de lectura para adultos. Tamén accedimos a uns corredores onde teñen os libros para retirar e descatalogados.
Tiñan preparada unha selección de libros adaptados aos nosos gustos, xa que días antes da saída cubrimos unha pequena enquisa sobre o que máis nos interesaba; así que vimos que hai libros de case todo o que nos poida interesar.
En Narón hai outros espazos onde se pode acudir a ler, xogar ou coller libros en préstamo, como a Axencia de Lectura Municipal, ubicada na Casa da Mocidade, tamén no Concello de Narón. Alí teñen moitos libros sobre manga, que é un dos temas polo que máis preguntamos.
Convidáronnos a acudir cando queiramos xa que co carné de socio/a da Biblioteca Municipal de Ferrol, podemos coller libros en préstamo nesta biblioteca e en todas as que estean adscritas á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Foi unha experiencia moi interesante, grazas especialmente á encargada da biblioteca, Ainhoa, por recibirnos con tanta amabilidade na súa biblioteca.
No seguinte enlace podedes acceder á súa páxina web, pero tamén podedes seguir o seu traballo en redes sociais, xa que son moi activas e teñen moitas propostas e actividades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario